O comité de empresa de Elnosa pide a Ana Ortiz que presione para acelerar a concesión de Costas

Pontevedra
14 de xuño 2017

Os representantes do persoal da cloreira entende que a resolución do expediente do Ministerio de Medio Ambiente está a atrasarse e a empresa alerta de que non fará investimentos ata que teña asegurada a súa continuidade en Lourizán

A subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, reunida cos representantes do persoal de Elnosa
A subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, reunida cos representantes do persoal de Elnosa

Representantes do comité de empresa de Elnosa co presidente Avelino García á cabeza, reuníanse este mércores 14 coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz. Querían transmitirlle a súa preocupación polo atraso que leva o expediente de solicitude da prórroga de concesión da utilización dos terreos de Lourizán. A Ana Ortiz solicitáronlle que preguntase ao Ministerio de Medio Ambiente sobre este caso.

Os traballadores indican que non entenden por que o expediente de Ence resolveuse nun breve prazo de tempo e, en cambio, o da cloreira non. Reclaman o mesmo trato por parte do Goberno de Mariano Rajoy.

Avelino García mostraba a súa preocupación porque a dirección da CUF, empresa portuguesa propietaria da fábrica, xa alertou de que non investirá en Pontevedra se non se garante a continuidade para despois de decembro deste ano.

O presidente do comité de empresa sinalou que a entidade contratou unha empresa para o estudo de perímetros e respondeu a varias propostas do ministerio. Sinalan que a empresa entregou toda a documentación solicitada pero non recibe contestación.

Segundo o representante dos traballadores, a empresa ten elaborado o plan de desmantelamento e de descontaminación ambiental á espera de que tamén se lles conceda a licenza ambiental integrada, un segundo paso que terían que obter despois da concesión da prórroga de Costas. Avelino García indicou que a empresa propietaria vai pelexar ata que poidan pero móstranse preocupados pola falta de decisións políticas.

Este sábado 17, as familias dos traballadores organizaron un acto de protesta ante o Concello de Pontevedra para reclamar solucións ante o temor do peche da factoría en decembro.

Arquivado en