O Colectivo Ecoloxista do Salnés lamenta que a Xunta non escoitase as súas propostas conservacionistas para Areoso

O Salnés
04 de xullo 2023

Critican que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda "sen embargo foi moi permeable ante os intereses turísticos e de recreo" 

Illote Areoso
Illote Areoso / Xoan Arco da Vella

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) lamenta que a Xunta non escoitase as súas propostas conservacionistas na orde na que regula as actividades recreativas e de visita dos Illotes dos Guidoiros e Rúa, espazo incluído dentro do espazo protexido de Umia-O Grove.

Critican que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda "sen embargo foi moi permeable ante os intereses turísticos e de recreo". 

Os ecoloxistas pedían que se atrasara o comezo do período da tempada alta ao 15 de xullo. A orde establece que a máxima afluencia será Semana Santa e do 15 de maio a 30 setembro, e poderán entrar 50 persoas á illa e fondear 60 barcos ao día en 3 quendas horarias (que o resto do ano quedarían restrinxidas a 20 persoas e 30 barcos nas 3 quendas). "Nós consideramos que isto non conflúe co obxectivo de protección das áreas de cría das aves" como é o caso da píllara das dunas a gaivota patiamarela, o gaivotón e a gabita. 

Os ecoloxistas tamén demandaban a prohibición de desembarcar en Pedroso e Rúa. Agora a Consellería permíte a estancia nestes illotes en datas fora de cría de aves "sen ter en conta as molestias que poida causar ás aves por non ter lugares de repouso tranquilos en toda a Ría, sobre todo en época de migracións invernais".

Outra queixa deste colectivo é que "a orde non aporta claridade" na metodoloxía que a Xunta pretende aplicar no proceso de autorizacións dos fondeos e atraques en Areoso e como se vai contabilizar a chegada de persoas a través destes medios, xa que a cota de entrada de persoas á illa tamén está limitado. "Tampouco se nomea sequera como se regularán as entradas de visitantes a través de empresas de transporte náutico pero que non fondean". 

 "Unha vez máis cedeuse ante as presións do sector naútico fronte á conservación neste espazo protexido só no papel"

Tamén censuran que "a Consellería non dubidou en subir o número de barcos que ao día poden fondear na illa". Na orde ampliouse a 60 barcos diarios. "Unha vez máis cedeuse ante as presións do sector naútico fronte á conservación neste espazo protexido só no papel", din dende o CES.

Ademáis tamén reclaman á Consellería que aporte o estudo de capacidade de carga de visitantes a Areoso no que se basean, ou a cartografía dos fondos mariños e dos hábitats terrestres, que se prohiba a pesca deportiva en toda a área e marque restricións de especies, e que se regule a velocidade de navegación no entorno da illa de Rúa e de Areoso e Pedroso.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés considera importante tamén inverter na información cidadá e na sinalización tanto mariña como terrestre, e intensificar a presenza de vixilancia.