O BNG pregunta en Europa polo procedemento de infracción aberto a España que afecta á concesión de Ence

Pontevedra
04 de maio 2023

Dado que non ten acceso ao expediente correspondente, Ana Miranda emitiu unha pregunta á Comisión Europea na que tamén quere saber que medidas tomou España para corrixir as causas desta infracción

Factoría de Ence en Lourizán
Factoría de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quere coñecer o estado do procedemento de infracción contra España aberto en febreiro por incumprimento da Directiva de Servizos nas concesións costeiras, que afecta á concesión de Ence na Ría de Pontevedra.

Dado que non ten acceso ao expediente correspondente, emitiu unha pregunta á Comisión Europea na que tamén quere saber que medidas tomou España para corrixir as causas desta infracción.

O 15 de febreiro de 2023, a Comisión abriu un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprir a Directiva de Servizos e non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras. Miranda sostén que xa pasaron os dous meses que ten de prazo o Estado para responder ao requirimento, polo que queren saber se desde o goberno central se tomou algunha medida ao respecto.

Para a nacionalista, "é totalmente inaceptable que os sucesivos gobernos estatais incumpran a normativa europea" que serve para protexer a costa da contaminación "e do espolio de empresas como Ence".

A eurodeputada nacionalista subliña que a Lei de Costas sustentou a prórroga da concesión á empresa papeleira Ence ata 2073, -concedida polo goberno do PP presidido por Mariano Rajoy en 2016- "sen un proceso aberto de selección" e "infrinxindo a Directiva de Servizos".

Neste sentido, lembra que nunha sentenza do 20 de abril de 2023, o Tribunal de Xustiza da UE declara que a Directiva de Servizos impón a obriga de que estas concesións sexan adxudicadas con selección imparcial e transparente. Engade que "por se fora pouco, o propio TXUE deixa sen efecto as normas estatais que dispoñan o contrario".

Segundo o Dereito da Unión, para outorgar concesións de ocupación do dominio público marítimo, os Estados Membros deben aplicar un procedemento de selección entre os candidatos potenciais cando o número de autorizacións dispoñibles para una determinada actividade estea limitado debido á escaseza dos recursos naturais. “No caso da prórroga a Ence atopámonos por tanto nunha clara vulneración do dereito comunitario”, subliña Ana Miranda.