O BNG pide "un esforzo" á Xunta para buscar alternativas a ocupar o porto de Combarro para os traballos do emisario submarino

Poio
02 de xullo 2022

O grupo parlamentario do BNG no Parlamento galego dirixiuse este sábado á Consellería de Infraestruturas para pedirlle que estude alternativas á ocupación do Peirao da Canteira, no porto de Combarro, como zona de almacenamento e manobras para os traballos do emisario submarino da EDAR dos Praceres

Estacionamento na zona portuaria de Combarro
Estacionamento na zona portuaria de Combarro

O grupo parlamentario do BNG no Parlamento galego dirixiuse este sábado á Consellería de Infraestruturas para pedirlle que estude alternativas á ocupación do peirao da Canteira, no porto de Combarro, como zona de almacenamento e manobras para os traballos do emisario submarino da EDAR dos Praceres. 

A ocupación implica a supresión dunhas 80 prazas de estacionamento na tempada de verán e o BNG quere, con esta medida, facerse eco da preocupación do Concello de Poio, que aprobou en pleno unha moción neste sentido, e do sector hostaleiro e comercial de Combarro. 

Os nacionalistas consideran que a Xunta debería "facer un esforzo" para o estudo doutras alternativas, tanto espaciais como temporais, que permitan facer compatible o desenvolvemento desta importante obra como o mantemento dun estacionamento que é vital para a actividade comercial e turística de Combarro na tempada de verán.

O BNG solicita que se suspenda a decisión adoptada, que se reabra o estacionamento da Canteira e que se estuden outras alternativas para levar a cabo os traballos relacionados coa construción do emisario da EDAR dos Praceres.

Estas propostas tamén se trasladarán ao Parlamento galego en forma de proposición non de lei e preguntas. Igualmente, o PSOE tamén levará o tema á Cámara galega.

O grupo do BNG tamén vai presentar unha batería de iniciativas no Parlamento para que se cree unha mesa de diálogo entre Portos de Galicia e o Concello de Poio para a creación de novos estacionamentos no ámbito do porto de Combarro, atendendo as demandas trasladadas xa desde comezos deste ano 2022 polo Concello e que aínda non tiveron resposta por parte de Portos de Galicia.