O deputado do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará, instou á Xunta a procurar un emprazamento para un novo complexo industrial arredor da transformación da madeira en celulosa, en papel e en outros produtos derivados demandados polo mercado e de alto valor engadido.
Bará sinala que "está claro que ENCE non está interesada en falar dun novo emprazamento porque vai en contra dos seus intereses na vía xudicial", xa que anunciou un recurso no Tribunal Supremo e ten que seguir defendendo como opción única o emprazamento en Lourizán.
Por iso o Bloque entende que debe ser a Xunta quen asuma a responsabilidade de procurar os terreos para un novo emprazamento, con máis razón cando "o propio presidente do Goberno galego afirmou recentemente que Galiza ten capacidade para dúas fábricas pasteiras". "Cando di isto terá algunha idea sobre os lugares onde se pode instalar", engadiu Bará.
Tendo en conta esta situación, "e para adiantarse a un escenario post-ENCE en Lourizán", o BNG rexistrou este martes unha batería de iniciativas no Parlamento Galego nas que solicitan un acordo para que a Xunta encargue un estudo "ao sistema galego de coñecemento" (Universidades e Centros tecnolóxicos) sobre os posibles emprazamentos para un complexo industrial de transformación de produtos derivados da madeira, que inclúa unha planta de fabricación de celulosa, unha fábrica de fabricación de papel e planta de transformación da madeira en bioprodutos de alto valor engadido.
O BNG entende que neste estudo se deben avaliar diferentes opcións e alternativas, a súa viabilidade e o seu custo, así como a posibilidade que este complexo industrial se ubique nun único polo tecnolóxico industrial ou en diferentes emprazamentos.
Nesta batería de iniciativas o BNG formula diferentes preguntas para que o Goberno diga se comparte as declaracións do Portavoz municipal do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, sobre a prórroga de ENCE e a sentenza da Audiencia Nacional; se comparte que os intereses xudiciais de ENCE son incompatibles coa defensa dun novo emprazamento e sobre os estudos que realizou a Xunta para avalar as declaracións do presidente Núñez Feijóo respecto da capacidade do país para dúas pasteiras.