O BNG pide á Xunta que comece a "traballar en serio" na recuperación medio ambiental dos terreos de ENCE

Pontevedra
05 de novembro 2021

O Parlamento galego debaterá a próxima semana unha proposta do BNG "pensando no futuro" na que instan á Xunta a que comece a "traballar en serio" na recuperación medio ambiental dos terreos de ENCE en Lourizán unha vez que peche a fábrica de pasta de papel

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará
O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará / PontevedraViva

O Parlamento galego debaterá a próxima semana unha proposta do BNG "pensando no futuro" na que instan á Xunta a que comece a "traballar en serio" na recuperación medio ambiental dos terreos de ENCE en Lourizán unha vez que peche a fábrica de pasta de papel.

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará compareceu este venres en rolda de prensa para informar sobre esta iniciativa que tamén inclúe a procura de alternativas á fábrica de Pontevedra. 

Así, os nacionalistas pedirán á Xunta que "se anticipe ao que vai vir" e "asuma a realidade da sentenza" que anula a prórroga dada á fábrica de celulosas para continuar na ría de Pontevedra ata o ano 2073 e, por tanto, que busque un emprazamento para un novo complexo industrial ao redor da transformación da madeira en celulosa, en papel e noutros produtos derivados demandados polo mercado e de alto valor engadido. 

O Bloque entende que debe ser a Xunta quen asuma a responsabilidade de procurar os terreos. Desde o BNG tamén propoñen crear un consorcio público-privado, impulsado pola Xunta e o sector, para que se poña á fronte dun proxecto tractor cunha nova fábrica de celulosa e unha papeleira que complete o ciclo produtivo do papel.

Para financiar este "ambicioso" consorcio, o BNG aposta por empregar fondos públicos, tanto os Next Generation da Unión Europea como recursos estatais e autonómicos e defende que, no seu conxunto, crearía máis postos de traballo e máis riqueza en Galicia.

Bará subliñou que no goberno galego "non poden ser teleñecos de Ence" e deben estar "ao servizo de Galicia" e "cumprir coas súas funcións e competencias" no medio ambiente, territorio e industria.  

Ademais, os nacionalistas instarán á Xunta a que se adiante ao escenario post-Ence e empezo a traballar na recuperación dos terreos que ocupa a industria pasteira planificando xa o proceso de desmantelamento, descontaminación e recuperación produtiva do seu asentamento na ría. O custo desta recuperación terá que ser asumido pola propia empresa.

Arquivado en