O BNG insinúa que o malestar en Ponte Sampaio ante a planta de compost está avivado polo PP

Pontevedra
12 de xaneiro 2015

"Non son os veciños de Ponte Sampaio os que fan estas manifestacións é un cualificado militante do PP", reiterou o edil nacionalista, "non sei se directa ou indirectamente", dixo, vinculadas co Partido Popular. Neste sentido, González sinalou que "é o de sempre", xa que recordou que nesta cidade "os grandes proxectos tivémolos que impulsar sós, coa oposición dos outros grupos políticos"

Raimundo González e Miguel Anxo Fernández Lores na sede do BNG
Raimundo González e Miguel Anxo Fernández Lores na sede do BNG / Mónica Patxot

O BNG insiste. A planta de compostaxe, que estará situada na Canicouva, é un "gran proxecto de futuro" para Pontevedra. Raimundo González afirmou que a cidade do Lérez se converterá na primeira de Galicia en reutilizar os seus residuos orgánicos e será un "exemplo" en materia ambiental. E que pasa coa contestación veciñal en Ponte Sampaio? Asegura que era "previsible" e cualifícaa como "manifestacións de carácter político".

E é que Raimundo González afirmou que mentres que o PSdeG-PSOE "o fixo directamente", criticou que o Partido Popular "utiliza a un coñecido militante histórico de Ponte Sampaio, que foi nas listas do PP nas últimas eleccións", en relación a Ramón Agulla, presidente da asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio, quen verbalizó esta fin de semana o malestar existente entre veciños e comuneiros da parroquia.

"Non son os veciños de Ponte Sampaio os que fan estas manifestacións é un cualificado militante do PP", reiterou o edil nacionalista, "non sei se directa ou indirectamente", dixo, vinculadas co Partido Popular. Neste sentido, González sinalou que "é o de sempre", xa que recordou que nesta cidade "os grandes proxectos tivémolos que impulsar sós, coa oposición dos outros grupos políticos".

Con respecto á preocupación dos veciños de Ponte Sampaio pola posible contaminación dos acuíferos da zona, Raimundo González reiterou que "non é posible". Explicou que os torrentes de auga do ámbito no que se situará esta planta "caen cara A Canicouva" e, en todo caso, explicou que non haberá filtracións xa que os residuos se tratarán ou ben mediante un enorme cilindro de aceiro ou mediante muros de formigón.

Nesta cidade "os grandes proxectos tivémolos que impulsar sós, coa oposición dos outros grupos políticos", di Raimundo González

Ademais, avanzou que se manterán contactos, entre outros, cos comuneiros de Xustáns, Baltar e Ponte Sampaio porque se poden crear sinerxías que sexan de utilidade para as comunidades de montes". Afirmou que para tratar o compost fai falta un "estructurante" que sae de restos de poda, maleza ou toxos, polo que os montes das comunidades limítrofes poderían ser limpados e mantido grazas a esta planta.

O PP NEGA ESTAR DETRÁS DO MALESTAR EN PONTE SAMPAIO

Ante estas declaracións, Jacobo Moreira negou que o Partido Popular estea a avivar este malestar veciñal en Ponte Sampaio. "Desmentimos eso por completo", afirmou o voceiro do Partido Popular. Sexa como sexa, reiterou que o seu partido apoiará a planta de compostaxe sempre que non haxa rexeitamento veciñal. "Este compromiso sigue vigente, pero estamos viendo que sí la hay", dixo.

Moreira explicou que o BNG "tuvo que acudir a Canicouva, la parroquia más pequeña de Pontevedra porque el resto no las controlan"para situar nela esta planta, despois de que se tivese encontrado, sinalou, "un rechazo tras otro" nas outras localizacións que se barallaron. E é que, segundo o voceiro do PP, Lores e Mosquera "actuaron de forma unilateral, sin escuchar a los vecinos afectados".

"Es Lores quien tiene que demostrar que la planta de compostaje recibe el apoyo vecinal, no el Partido Popular", reiterou Moreira, quen asegurou que, a día de hoxe, cunha situación que xera este rexeitamento veciñal en Ponte Sampaio "no la apoyaremos".

CRÍTICAS DENDE MAREA PONTEVEDRA

Dende Marea Pontevedra, a pesar de que manifestan o seu apoio á compostaxe, aseguran que na tramitación desta planta "hai un periplo de erros estruturais, escurantismo e neglixencia clara". Entenden que Pontevedra debe apostar por "unha ou varias" plantas de compostaxe "buscándolles a mellor localización, cunha dimensión axeitada e con acordo de todas ás partes interesadas".

Cren, entre outras cuestións, que a planta proxectada incrementará os "ataques" á ecoloxía da bisbarra, obvia un necesario plan de sensibilización á cidadanía, esquecen a xestión pública e denuncian non se informou apropiadamente aos afectados. Ademais, critican que o "paternalismo" co que se trata os veciños da Canicouva "lembra actitudes propias de caciques, que son ás que ou goberno municipal leva xa demasiado tempo facendo súas".

Arquivado en