Seis dos nove militantes do BNG detidos o pasado 30 de decembro durante unha protesta no acto inaugural da ampliación da ponte de Rande compareceron este martes 27 de marzo na sede do BNG de Pontevedra representados polo deputado Luís Bará como resposta ao que cualifican como unha "inxustiza". Os inculpados trataban de despregar unha serie de carteis cando foron sancionados por interromper o paso da AP-9, unha acusación segundo Bará, infundada.
Na súa intervención, o deputado denunciou que a retención e posterior sanción de cen euros por parte da Garda Civil aos militantes atenta contra a liberdade de expresión, e son unha mostra dun Estado represivo, que se ampara na utilización da Lei Mordaza e a reforma do Código Penal para "someter a sociedade".
Fronte a este feito, Bará afirma que o partido nacionalista galego non se amedrentará, e seguirá denunciando as medidas executadas por Audasa, lembrando que esta non sufriu ningún expediente sancionador polas reiteradas retencións nas peaxes e na ponte de Rande como consecuencia de accidentes. Ademais, denuncia os privilexios fiscais que recibe a empresa, como a bonificación do 95% do IBI ou a rebaixa nos últimos anos do Imposto de Sociedades.
O acto de apertura, ao que compareceu o presidente do goberno Mariano Rajoy, foi cualificado polo deputado como unha "burla", xa que como explica, as obras seguen executándose, e o único que se podía inaugurar nel é a subida das peaxes un 3,81% este ano, que deixan aos Concellos sen os 10 millóns de euros recadados nas autoestradas todos os anos.
Ademais de interpoñer os correspondentes recursos pola vía administrativa, o BNG ten previsto este mes de abril trasladar o asunto ao Parlamento Galego. Buscarase un pronunciamiento por parte da Cámara co obxectivo de deter actuacións como as ocorridas ese 30 de decembro. Ademais, aproveitarase para denunciar a resposta da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte a un afeccionado por ensinar a bandeira independentista galega no Estadio Municipal de Pasarón.