O BNG cre que a continuidade de Elnosa en Pontevedra xa está "cociñada"

Pontevedra
11 de setembro 2017

O deputado do BNG, Luís Bará, levará ao Parlamento de Galicia o debate sobre o futuro da fábrica da empresa Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa) na ría de Pontevedra

Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento galego
Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento galego / PontevedraViva

O deputado do BNG, Luís Bará, levará ao Parlamento de Galicia o debate sobre o futuro da fábrica da empresa Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa) na ría de Pontevedra. Concretamente o parlamentario e concelleiro pontevedrés preguntará ao goberno galego polas xestións que está a levar a cabo respecto ao proxecto de plan de incidencia supramunicipal.

Este plan permitiría á multinacional portuguesa CUF facer obras na súa fábrica de Lourizán para implantar unha nova tecnoloxía sen mercurio adaptándose ás esixencias europeas e abriría así a porta á súa continuidade no seu actual emprazamento máis aló de decembro de 2017.

Para Luís Bará, o Partido Popular e a Xunta "están a utilizar o mesmo guion que xa empregaron no caso de ENCE" que primeiro contempla unha prórroga da Autorización Ambiental Integrada (AAI), despois viría a aprobación da supramunicipalidade "pasando por enriba das competencias municipais" algo que "agora se vai a axilizar coa nova Lei de Emprendemento Industrial" e o terceiro paso, segundo o nacionalista, sería "a prórroga da concesión por 60 anos" que outorgará o goberno central "aplicando tamén o cambio que fixeron na lei a medida destas empresas".

Con este argumento o BNG está convencido de que a continuidade de Elnosa é "unha decisión política cociñada en escuros despachos da Xunta e da administración central" e engadiu Luís Bará que estamos ante "unha auténtica canallada política, un atentado contra o medioambiente e unha traizón máis a Pontevedra por parte do Partido Popular", dixo o parlamentario do Bloque este luns en rolda de prensa.

Arquivado en