A Xunta de Galicia, denuncia o BNG, está a seguir un "guión preestablecido", o mesmo que seguiu con Ence, para "favorecer" a continuidade da fábrica de cloro que Elnosa ten en Lourizán, aos pés da ría de Pontevedra. O goberno galego está a facer todo o posible, segundo os nacionalistas, para "alfombrar" o camiño da factoría electroquímica.
O último paso para consolidar a actividade de Elnosa, que desde o BNG cualifican de "nociva e perigosa", foi a aprobación dunha nova autorización ambiental integrada. Para iso, a Xunta "retorce" a lexislación "a medida" dos intereses desta empresa privada.
Todo iso, engaden, nun proceso "falto de transparencia" con negociacións "ocultas" e contravindo anuncios e compromisos anteriores do propio goberno galego.
Ante esta situación, o BNG presentou unha batería de preguntas no Parlamento autonómico, centradas especialmente en aspectos ambientais.
Na tramitación da autorización de Elnosa, recordan os nacionalistas, o Concello de Pontevedra advertía da modificación "substancial" do seu proceso produtivo e as súas consecuencias, especialmente, no que ten que ver co abastecemento de auga e o vertido de efluentes líquidos. Estes cambios, engaden, xustifican a necesidade dun estudo de impacto ambiental.
Así, o BNG quere que a Xunta explique que sistema de abastecemento de auga utiliza a empresa Elnosa, onde capta a auga para abastecer a factoría e que autorización conta para facelo e como valora o incremento previsto de consumo de auga por Elnosa nun contexto de alerta por seca e de dificultades de abastecemento á poboación.
Ademais, recordan que se descoñece que figura de planeamento vai utilizar a empresa para amparar as obras que é preciso realizar. De aí que apunten que, neste sentido, é do "máximo interese" saber se a Xunta de Galiza ten previsto aprobar un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que lle dea cobertura legal ás actuacións previstas.