O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará acusou este mércores ao goberno galego de "facer leis para beneficiar intereses privados en contra do interese público beneficiando a empresas contaminantes" e condenadas por delitos ecolóxicos, en alusión ao complexo de ENCE nas marismas de Lourizán.
O deputado acusou aos conselleiros de Medio Ambiente, Beatriz Mato, de Economía, Francisco Conde e ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, de manter reunións "segredas" con Elnosa para "cociñar a súa permanencia máis alá do ano 2018".
A través dunha pregunta, Bará interpelou á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato sobre reunións entre a Xunta e a empresa propietaria de Elnosa e preguntou se pretenden repetir coa clorera "o mesmo atentado que fixeron con Ence".
"Qué vai facer o goberno galego para que Elnosa permaneza 60 anos máis despois da caducidade da súa concesión?. Cambiarán a lei se é necesario?",volveu preguntar.
Pola súa parte, Mato respondeu que o goberno galego "cumprirá coa legalidade como fixo sempre" ao que o deputado replicou que o PP sempre responde da mesma maneira, da igual que sexa sobre os orzamentos do Estado ante o último "recortazo" para Galicia, a prorroga a Ence por 60 anos, ou a AP-9. O Partido Popular de Madrid, "ordena e o partido popular galego obedece" afirmou.
Neste sentido, lembrou as tentativas dende os gobernos liderados por Manuel Fraga de impoñer a permanencia das industrias contaminantes na ría de Pontevedra. Primeiro, explicou co proxecto sectorial de incidencias supramunicipal para finalmente tentar "derrubar o goberno municipal cun asalto incluído do sindicato amarelo que é o seu brazo sindical".
Bará: "o concello de Pontevedra seguirá coa súa batalla política recorrendo a todas as instancias para impedilo"
Despois do ano 2009, o presidente Alberto Núñez Feijóo afirmou que "non cabe a posibilidade de manter Ence na ría. Non imos dicir unha cousa e facer a contraria". Pois ben, ironizou Bará, isto chámase "manter a palabra, señor Feijóo".
O deputado tamén fixo referencia ás Directrices de Ordenación do Territorio, (DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL) e incluso á proposta do Partido Popular para o traslado da fábrica "pero chegou o PP de Madrid, as empresa do IBEX e os consellos de administración das portas xiratorias e deixaron claro quen era o que mandaba" polo que aprobaron a "modificación da lei de Costas e a ampliación da concesión a Ence por 60 anos máis".
"Agasallaron" a empresa con 600.000 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre, pero, advertiu que "o Concello de Pontevedra seguirá coa súa batalla política recorrendo a todas as instancias para impedilo".
O deputado lamentou a resposta da conselleira de Medio Ambiente á que acusou de tramitar a autorización ambiental integrada, "déronlle prorrogas a pesar dos incumprimentos e irregularidades ambientais da empresa" e agora "permanecemos a espera de ser informados sobre o novo emisario e depuradora de Praceres anunciada por vostede para o primeiro trimestre deste ano da que nada sabemos". No caso de Elnosa, afirmou Bará, levan o "mesmo camiño que con Ence".
Bea Mato dí que a Xunta non pode ordenar, forzar ou impoñer a saída de Ence
Ainda que a pregunta era sobre Elnosa a resposta da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, centrouse no caso de Ence. Así, Beatriz Mato, afirmou este mércores no Parlamento de Galicia, que as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) ou o Plan de Ordenación do Litoral (POL) "non poden ordenar, forzar ou impoñer a saída de Ence, pois será cando remate o prazo de concesión cando se deba proceder á recuperación dos terreos que ocupa como espazo verde".
Mato lembrou que a permanencia de Ence na ría de Pontevedra réxese pola Lei de Costas, polo que "a Xunta de Galicia debe respectar o ámbito competencial do Goberno Central".
Indicou que é certo que as DOT e o POL, documentos aprobados en 2011, fixaban unha protección paisaxística para os terreos de Lourizán e facíano cando o traslado da pasteira estaba previsto para o 2018, "pero ese escenario mudou en 2013 coa aprobación da Lei de Costas estatal e coa posterior resolución do ministerio", no marco dun procedemento administrativo xa pechado, de ampliar a concesión a Ence.