Este luns 9 comezan as charlas informativas sobre a planta de compostaxe que organiza o Concello de Pontevedra para ofrecer datos aos veciños das proximidades da Canicouva onde se proxecta a construción dunha instalación para os residuos orgánicos de diversos concellos da provincia. A conferencia vai desenvolverse a partir das 20.00 horas no Teatro Principal.
O biólogo Ramón Plana é o encargado de abrir este ciclo de charlas e previamente manifestou que, polo momento, só coñece o argumento da película ao non se ter definido os detalles sobre esta iniciativa. En todo caso, o experto indicou que el entendía a preocupación dos veciños ante a falta de información pero indicou que moitas plantas de residuos tiveron problemas pero non se trataba de plantas que elaboraban compost, malia que as denominen desa forma.
Neste sentido, Ramón Plana advirte da importancia fundamental de que a recollida dos residuos orgánicos sexa de calidade. A este requisito súmase o manexo de material estruturante, principalmente restos de poda, e engade a importancia do espazo, a tecnoloxía e a climatoloxía do lugar en que se realice a instalación.
O biólogo apunta que se a planta é aberta e se executa mal, as consecuencias se notarán. Non obstante, se é pechada aínda mal realizada a construción "non ten por que notarse". Tamén indica que para a chegada dos camións cos residuos se contan cunha zona acondicionada non habería motivo para que se expandisen os olores.
Ramón Plana pon como exemplo a zona urbana de Milán onde se recolle o 100% dos residuos orgánicos, "porta a porta". E engade que na planta de Lapatx en Guipuzkoa ten un casarío ao outro costado do valo da instalación. Sinala, neste sentido, que se os ventos dominantes van cara a outro lado, os veciños non se van decatar.
En relación coa posibilidade de contaminación alerta de que se a planta "está mal feita e hai filtracións na balsa de lixiviados", podería producirse algún problema pero aclara que a compostaxe é un proceso hídrico e as lixiviacións se retornan mediante rego e non deberían quedar almacenados. Neste sentido, afirma que existe unha planta xunto ao Parque Nacional de Cazorla onde hai un control do Seprona e "non saiu unha gota de lixiviados", porque está perfectamente impermeabilizada.
Plana afirma que a media de capacidade das plantas de compostaxe se sitúan sobre as 13.000 toneladas anuais para residuos orgánicos. A de Pontevedra proxéctase para 20.000 toneladas. E o experto entende que hai demanda para o compost pero "hai que saber vendelo e a quen o vendes". Neste sentido, aclara que "non é só un fertilizante. Pódense facer substratos para moitos produtos. ÿ materia prima" que, segundo asegura, mellora as condicións do solo.