O alcalde de Vilaboa transmite a Lores o seu interese por utilizar a planta de compostaxe

Pontevedra
15 de xaneiro 2015

Os alcaldes de Pontevedra e Vilaboa mantiveron unha conversa telefónica este xoves, despois de que o rexedor de Vilaboa, José Luis Poceiro (PSOE) remitise un escrito ao seu homólogo pontevedrés solicitando información sobre o proxecto da planta de compostaxe nos montes da Canicouva

O alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro xunto ao subdelegado do Goberno, Antonio Coello
O alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro xunto ao subdelegado do Goberno, Antonio Coello / Mónica Patxot
Fernández Lores fala co alcalde de Vilaboa sobre a planta de compostaxe /

Os alcaldes de Pontevedra e Vilaboa mantiveron unha conversa telefónica este xoves, despois de que o rexedor de Vilaboa, José Luis Poceiro (PSOE) remitise un escrito ao seu homólogo pontevedrés solicitando información sobre o proxecto da planta de compostaxe nos montes da Canicouva.

"Eu creo que máis que nada chamou por presións do seu partido", dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que asegurou que Poceiro "ten perfectamente claro que isto non é a empacadora que se ía facer no seu día, nin ten absolutamente nada que ver con seu concello de Vilaboa", afirmou.

Segundo Fernández Lores a "única preocupación" que lle transmitiu Poceiro foi "se de cara ao futuro Vilaboa podería utilizar a planta de compostaxe para tratar os seus residuos sólidos orgánicos" ao que o alcalde de Pontevedra respondeu afirmativamente "porque así está recollido no protocolo" asinado no seu día coa Deputación "que é o que viabiliza a planta e que está aberto a calquera outro concello".

O alcalde de Pontevedra sinalou que polo de agora non dispón de máis información que a que xa se fixo pública polo que remitiu ao estudo de viabilidade que se está elaborando e aos diversos informes que están en redacción. "Hai algunha xente que quere adiantarse", sinalou Fernandez Lores que afirmou estar "encantado" con este proxecto "avanzado e alternativo" a Sogama.

"LEALDADE E RESPONSABILIDADE"

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, referiuse á inquietude e receo xerado nalgunhas localidades pola situación da planta na Canicouva pedindo que se actue con "lealdade e responsabilidade", algo que ao seu xuízo non houbo cando se formulou a empacadora en Vilaboa nos anos 90.

Louzán recordou que este é "un proxecto de futuro a medio e longo prazo", e neste sentido informou que xa se comunicou ás empresas afectadas a decisión do Pleno de deixar deserto o concurso de adxudicación do servizo provincial de recollida de lixos no que está incluído o proxecto da planta de compostaxe. Agora ábrese un prazo para a presentación de alegacións a esta decisión "e a partir de aí imos ver como continuamos".

Louzán referiuse á "preocupación" existente entre os alcaldes que estaban adheridos a este plan e que ven trastornada a súa situación. Algúns destes alcaldes reuníronse este mércores co presidente da Administración provincial para buscar unha solución á "precaria" situación coa que están a prestar este servizo.

Arquivado en