O alcalde de Pontevedra responde á sentenza que valida a legalidade dos recheos do Porto de Marín

Pontevedra
14 de maio 2022

Fernández Lores lamenta que en todo este proceso a Xunta desestimase as propostas do Concello de Pontevedra para desenvolver un porto seco en Leborei-Cerponzóns, con acceso á estrada nacional e proximidade á autoestrada e ao trazado do tren, ou a ampliación do Polígono do Campiño

Porto de Marín
Porto de Marín / Mónica Patxot

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informaba no Pleno da Corporación deste pasado xoves 12 de maio da resolución xudicial pola que o Tribunal Supremo inadmite a trámite o recurso interposto pola Plataforma Defensa Praza dos Praceres contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), emitida en febreiro de 2020, que dá por válido en toda a súa integridade o informe pericial encargado polo alto tribunal galego e, polo tanto, valida a legalidade dos recheos do Porto de Marín.

Trátase dunha resolución firme da que, aproveitando unha comparecencia do alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores este venres, preguntóuselle polo posicionamento do Consistorio pontevedrés.

Lores explicaba que o Porto de Marín fixo un plan especial ante o que o Concello de Pontevedra alegou, por considerar que se usaba este espazo non como porto, senón como un polígono industrial, con actividades que se desvinculan das propias destas infraestruturas, que deberían cinxirse a carga, descarga ou almacenamento de mercadorías que usan a vía marítima.

"Non ten sentido que haxa elaborados como hai no Polígono do Campiño", manifesta, e ademais porque o peixe conxelado para estas naves vén por tren ou en camións, non a través de barcos. "E nesa línea alegamos como Administración", indicaba o alcalde capitalino.

Malia que agora os tribunais respaldan os recheos do Porto de Marín, Fernández Lores insiste en que "o plantexamento debería ser outro" e, no canto de gañar terreo ao mar, habería que contemplar outras alternativas, como as que presentou o propio Concello de Pontevedra e que a Xunta desestimou.

Estas opcións propostas polo Goberno local eran desenvolver un porto seco de 400.000 metros cadrados en Leborei-Cerponzóns, con acceso á estrada nacional e proximidade á autoestrada e ao trazado do tren. A outra proposta era unha ampliación do Polígono do Campiño que, lamenta Lores, sempre se topou co informe negativo da Xunta de Galicia. Engade que mesmo a propia Autoridade Portuaria "negouse sistematicamente a tratar da necesidade de crear un porto seco".