O 22% do persoal de Ence, afectado polo ERTE previsto para catro meses

Pontevedra
29 de xullo 2022

Representantes do comité de empresa informaban este venres en dúas asembleas ao persoal da fábrica da situación derivada do ERTE de forza maior presentado pola empresa. Indican que arredor de 50 traballadores acolléronse ao período de vacacións para postergar a entrada na regulación temporal de emprego. Desde o comité aseguran que o ERTE é independente da decisión que adopte o Tribunal Supremo sobre a fábrica e, por tanto, non pode desembocar nun ERE

Protesta de traballadores da fábrica de Ence
Protesta de traballadores da fábrica de Ence / PontevedraViva - Arquivo

Ence presentou ante a Autoridade Laboral un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) por duración de catro meses, como consecuencia da parada na produción que chegou provocada pola baixada de caudal no río Lérez, de onde recollía auga para a actividade industrial en Lourizán. Este venres 29, representantes do comité de empresa, con maioría do sindicato Comisións Obreiras, presentaba ao persoal da fábrica en dúas asembleas informativas a situación laboral á que se enfrontan os traballadores durante este verán.

A empresa presenta este ERTE alegando forza maior xustificándoo na actual seca. Unha situación, que segundo Rubén Fernández, secretario do comité de empresa, non se produce desde hai máis de dúas décadas, na que a fábrica tamén se viu obrigada a paralizar a produción por unha situación de falta de auga e asumir unha regulación de emprego temporal. Con todo, esta situación non se rexistrou noutro período de seca importante como o que se producía en 2017. A redución da concesión de recollida do caudal do Lérez a 0,6 metros cúbicos por segundo, decretada pola Xunta de Galicia neste 2022, cambiou a escena.

A empresa, segundo o documento presentado, comprométese a reactivar a actividade no momento en que esta situación de escaseza finalice e, segundo o secretario do comité, tamén indica que tentará que afecte ao menor número de persoas posible. Na documentación ofrecida pola dirección aos representantes sindicais, o ERTE afecta a un 22% dos traballadores (arredor de 90 dun grupo de 400), indican as mesmas fontes. Preto de cincuenta empregados tamén adiantaron as vacacións para postergar a entrada ao ERTE.

Durante estes meses realizaranse labores de manteminimiento nas instalacións da factoría e os sindicatos reclamaron á empresa que se estableza un equilibrio para que o período de ERTE afecte de maneira igualitaria ao persoal, tanto no caso de traballadores propios como o de empresas auxiliares, que tamén ven afectadas por este parón.

ERTE INDEPENDENTE DAS DECISIÓNS XUDICIAIS

"Temos que facer unha reflexión sobre o consumo da auga", recoñece Rubén Fernández, para evitar que estas complicacións se repitan na pasteira durante os próximos anos. Por este motivo, os representantes do comité indican que solicitaron á empresa durante as conversacións mantidas esta semana unha serie de medidas para o futuro. Afirman que existe unha tecnoloxía que reduciría o consumo de auga por parte da fábrica. Unha tecnoloxía que, segundo indica o integrante de CCOO, dependerá de se o Tribunal Supremo atende os recursos e ofrece unha resolución contraria ás da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga de Ence en Lourizán.

Rubén Fernández: "Un ERTE de forza maior non se pode converter nun ERE de extinción"

Precisamente, Rubén Fernández afirma que este ERTE é independente da decisión que adopte o órgano xudicial a partir do 4 de outubro, cando comece a analizar os recursos presentados, entre outros, pola propia empresa ante a decisión da Audiencia Nacional. "Unha cousa non ten que ver coa outra. Un ERTE de forza maior non se pode converter nun ERE de extinción", explica o representante sindical, "isto está limitado no tempo e depende do que suceda co caudal do río. O que pase co Tribunal será outro escenario", afirma.

"Preocúpanos o feito de parar por estas circunstancias", admite para engadir que a empresa pasteira adopta a decisión de parar e acudir ao ERTE para "dar resposta ao que está obrigada" pola lexislación en relación co consumo de auga. En todo caso, entre o conxunto do persoal existe unha porcentaxe notable de traballadores que mostra preocupación polo futuro inmediato xa queeste cúmulo de circunstancias coincide nun período crucial para o devir da fábrica.