O xuíz ve "unha preocupación razoable" que Antón Louro, como concelleiro de Urbanismo, entendese que a continuación de ata cinco construcións funerarias en Pontevedra "non parecía a mellor opción para este municipio". Con esta argumentación, entre outras, xustifica que por segunda vez en sete meses se tombe xudicialmente a querela contra este edil por prevaricación presentada pola funeraria Pombas Fúnebres.
O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra xa decidira en outubro non admitir a querela contra o tenente de alcalde presentada por Pombas Fúnebres e unha nova resolución deste mesmo órgano xudicial que acaba de darse a coñecer volve botar a baixo as intencións da funeraria. Recorrera aquela sentenza previa e volveu ser rexeitada, pero a vía xudicial non se pecha para a empresa, que aínda ten a posibilidade de volver recorrer, nesta ocasión, ante a Audiencia Provincial.
Pompas Fúnebres, unha das promotoras do tanatorio de ArcebispoMalvar, levou os tribunais a Louro ao entender que cometía un delito de prevaricación ao impulsar o acordo municipal finalmente aprobado de suspender a concesión de licenzas de crematorios por un período dun ano. Adoptouse o 22 de novembro de 2012, ratificouse no Pleno da Corporación o 27 de novembro e entrou en vigor o 21 de decembro. A continuación, promoveuse unha modificación puntual do PXOM para regular a instalación de crematorios.
O xuíz discrepa da visión de Pombas Fúnebres e entende que os acordos non son "por interese persoal" de Louro nin "arbitrarios", senón que a competencia na regulación da normativa urbanística corresponde ao Concello e "non pode constituír delito de prevaricación adoptar esas decisións que son lexítima expresión da actividade política".
A resolución pola que se desestima o recurso da funeraria non ve ningún indicio de que a motivación de Louro e do Concello á hora de aprobar a suspensión de licenzas de crematorios "sexa diferente" á do "interese público" que se argumentou para aprobar en Pleno esta decisión.
O xuíz si ve constatado que o que hai neste caso é unha "discrepancia dunha empresa coa interpretación do interese público que defende "o Concello".