Novo paso para que Tambo sexa Espazo Natural de Interese Local

Poio
23 de decembro 2022

El Ejidillo Viveros Integrales será a firma encargada de acometer a elaboración da documentación técnica necesaria para tramitar a solicitude de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo

Un grupo de turistas visita á illa de Tambo
Un grupo de turistas visita á illa de Tambo / PontevedraViva

El Ejidillo Viveros Integrales será a firma encargada de acometer a elaboración da documentación técnica necesaria para tramitar a solicitude de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Illa de Tambo. 

A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio procedeu á adxudicación deste servizo, cun orzamento total que ascende a un total de 12.445 euros.

O contrato, tal e como explica o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo Gregorio Agís, inclúe a realización de todas as fases de tramitación pertinentes, empezando pola recollida de información inicial, ata dar vida ao documento. 

"Estamos a falar dunha xestión que resulta imprescindible para que Tambo sexa recoñecida como ENIL, que é unha figura equivalente a nivel medio ambiental a un plan de usos do espazo", engade o titular de Promoción Económica e Urbanismo. 

Valora polo tanto como "un avance moi importante de cara a consolidar a protección deste emblemático espazo", aberto de novo á cidadanía, tras varias décadas de uso exclusivo por parte do Ministerio de Defensa. 

Desde o inicio das visitas guiadas a mediados de agosto, foron preto de 5.000 as persoas que se achegaron ata Tambo, ben a través de xeito particular ou tomando parte en excursións organizadas.

Por outra banda, o responsable de Promoción Económica e Urbanismo tamén mantivo hai uns días no Concello un encontro con responsables da Escola Naval Militar de Marín no que foi a celebración dunha nova convocatoria da Comisión Mixta de Tambo. 

 

Arquivado en