A empresa de montaxes eléctricas Felix e Viñas, S.L. inaugurou este venres unha nova nave industrial de no polígono empresarial da Reigosa. Con esta nova nave xa son 11 as construídas no parque empresarial (están ocupadas en total 13 parcelas). Na actualidade das 49 parcelas existentes están vendidas 23 e 2 están reservadas.
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, felicitou os directivos da empresa e manifestou a súa vontade de que esta inauguración viñese a supoñer un síntoma da consolidación deste parque como dinamizador da economía local e comarcal para poñer fin ao período de crise no que se encontra sumido o país e que propiciase a creación de emprego, unha demanda que fixo extensible a toda a sociedade.
Así mesmo, o rexedor pontecaldelano recordou que este polígono mellorará aínda máis a súa rede de comunicacións viarias coa futura circunvalación de Pontevedra ao estar previsto que teña un enlace de acceso directo a esta.
Ademais, o parque empresarial da Reigosa viuse beneficiado nos últimos días coa concesión, por parte da Consellería de Industria, dunha subvención para mellorar os seus servizos coa autorización para instalar unha rede de cámaras de videovixilancia que fará que este recinto industrial dispoña da última tecnoloxía para garantir a seguridade na zona.