As organizacións ecoloxistas Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Amigas da Terra expresaron conxuntamente o seu rexeitamento á construción da autovía A-57 en Pontevedra e alertaron do "grave prexuízo ambiental e social" que causará a continuación da construción desta "innecesaria" infraestrutura. "Non pedimos un cambio de trazado, pedimos que se desbote por completo a autovía A-57", manifestaron.
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Pontevedra, estes colectivos expresaron o seu respaldo á Plataforma de Afectados pola A-57 en Bora e Xeve para "frear a desfeita ecolóxica e social que causarán estas obras".
Este segundo treito da coñecida como circunvalación de Pontevedra, entre a Ermida e Pilarteiros, sumou máis de 60.000 alegacións.
Manoel Santos, voceiro de Greenpeace, sinalou que "a construción da A-57 é incongruente coas novas políticas de mobilidade que temos que implementar para abordar a emerxencia climática" e dixo que "non necesitamos máis infraestruturas para seguir a queimar combustibles fósiles con milleiros de vehículos privados".
Para Greenpeace "este enorme investimento debería dirixirse ao transporte público, por exemplo a trens de cercanías, que si serían unha alternativa viable e ecolóxica a esta autovía e tamén á AP-9 que din que pretende complementar", declarou.
Estas tres organizacións tamén salientaron que a construción da autovía vai "arrasar" con máis de seis mil metros cadrados de zona protexida pola Rede Natura, afectando especialmente á flora e fauna dos hábitats que conforman este tramo o río Lérez.
Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción lembrou que "en Galicia non imos sobrados de superficie protexida, polo que a efección é máis grave aínda" xa que a Comunidade Autónoma só ten un 12% de zona protexida pola Rede Natura o que o sitúa "á cola do Estado neste eido".
Adriana Echeverría, voceira de Amigas da Terra manifestou que con esta infraestrutura "Pontevedra só cambiará o atasco de sitio incrementando como dano colateral o seu tráfico perimetral e o castigo ao rural". Tamén destacou que "Pontevedra non é unha illa climática e aos gases de efecto invernadoiro, que é o que temos a urxencia de eliminar, non lles importa emitirse no centro ou na periferia".
Por parte da Plataforma de Afectados pola A-57 en Bora e Xeve falaron Mari Carmen Tenorio, Estela Eirín e Gonzalo Arís que explicaron que a propia avaliación do Ministerio sinala que a construcción e explotación da autovía afectará a máis dun centenar vivendas con niveis de ruído por enriba do permitido. E unha ducia de casas serán derribadas. Asemade, as veciñas e familias veranse afastadas unhas de outras pola "enorme trincheira" que creará a construcción desta infraestructura.
Os veciños afectados piden aos políticos "sensibilidade" medioambiental e "empatía" coa poboación do rural para frear este proxecto.