A plataforma 'Non Crematorios Pontevedra Leste' sairá á rúa de novo este venres 14 de marzo nunha manifestación polo centro da cidade na que piden a participación masiva dos pontevedreses ao berro de "non llo permitamos".
Os integrantes da plataforma compareceron publicamente na noite deste luns como acto previo á convocatoria da manifestación. Non é a súa primeira protesta, pois cada xoves concéntranse na rúa Juan Carlos I, pero neste caso buscan unha implicación non só dos veciños da zona da Parda e San Amaro, senón de toda Pontevedra.
A manifestación ten como obxectivo dicir "non" á instalación de crematorios a menos de 500 metros e convocan os cidadáns co argumento de: "Se non queres un forno crematorio contaminante á túa porta e vivir coa ventana pechada este é o teu momento. Faite escoitar. Pola túa saúde. Pola túa familia. Pola túa casa".
Os convocantes cren que "é hora de que escoiten á rúa" e convocaron a todos os pontevedreses ás 20.00 horas na pasarela da rúa José Adrio Barreiro. Dende alí, os manifestantes sairán en dirección á praza de España, onde se lerá un manifesto.
A plataforma recorda que se opón ao cambio puntual do PXOM que promove o Concello de Pontevedra e que favorece a instalación do crematorio da multinacional Funespaña a escasos metros das vivendas" na zona de San Amaro.