'Non á Depuradora de Samieira' limpa a praia de Laño para insistir no seu rexeitamento á EDAR

Poio
08 de xuño 2014

Os voluntarios recolleron en bolsas de lixo arredor de 60 quilos de refugallos, entre os que había unha grande cantidade de poliestireno-porexpán, tapóns, botellas de plástico e cristal, pilas, cordas, cabichas, redes vellas e envoltorios plásticos de todo tipo. Tamén recolleron os restos dunha embarcación varada, un pé dun parasol de terraza e un bidón

Xornada reivindicativa de limpeza da plataforma Non á Depuradora en Samieira na praia de Laño
Xornada reivindicativa de limpeza da plataforma Non á Depuradora en Samieira na praia de Laño /

Nin o vento nin a ameaza de choiva freou este sábado á plataforma 'Non á Depuradora en Samieira' na súa xornada de limpeza reivindicativa da praia de Laño, unha actividade coa que quixeron destacar a "importancia dos cidadáns na conservación do territorio" ao tempo que insisten na "rotunda resposta cívica" contra o proxecto de instalación dunha planta de tratamento de augas residuais no entorno.  

A partir das 18.00 horas, e pesar do mal tempo, percorreron a praia e recolleron en bolsas de lixo arredor de 60 quilos de refugallos, entre os que había unha grande cantidade de poliestireno-porexpán, tapóns, botellas de plástico e cristal, pilas, cordas, cabichas, redes vellas e envoltorios plásticos de todo tipo.

Os voluntarios que participaron na limpeza tamén recolleron os restos dunha embarcación varada, un pé dun parasol de terraza e un bidón. En todo este lixo a plataforma ve unha "mostra evidente" da importancia destas iniciativas de voluntariado e educación ambiental.

Dende a plataforma explicaron que esta xornada reivindicativa tiña un dobre obxectivo. Por un lado, destacar a importancia e o valiosa que é para os veciños a súa contorna e este "lugar privilexiado" en particular. E, por outra banda, lembrar que non están dispostos a permitir o deterioro ambiental e social da zona. 

En relación co proxecto da EDAR, tíldano de "nocivo, molesto e insalubre", así como de "ameaza" a un entorno natural que serve de lugar de esparexemento a moitas familias, pois a instalación proxectada "producirá un dano severo e irrecuperable" no ecosistema litoral e xerará contaminación visual, sonora e olfativa, entre outras consecuencias.