Nito e Cati enfrentados pola depuradora

Poio
21 de novembro 2012

Os alcaldes dos concellos de Sanxenxo e Poio polemizan pola ubicación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) que Augas de Galicia pretende construir para dar servizo a ambos municipios. As opcións que se barallan son Pampaido (Sanxenxo) ou Samieira (Poio)

Catalina González "Cati" e Luciano Sobral "Nito", alcaldes dos concellos de Sanxenxo e Poio, respectivamente, están enfrontados pola ubicación da estación depuradora de augas residuales (EDAR) que Augas de Galicia pretende construír para dar servizo a ambos municipios.

As opcións que se barallan son Pampaido (Sanxenxo) ou Samieira (Poio). Ambos a necesitan pero ningún a quere no seu territorio.

Os beneficiarios desta depuradora serían tanto aos habitantes de Raxó como os de Dorrón.

Desde a vila turística a alcaldesa, Catalina González (PP), recomendou ao seu homólogo poiense que "propoña ubicacións da depuradora no seu término municipal" e "invita" ao alcalde de Poio, Luciano Sobral (BNG), "a que asuma as responsabilidades que ten coma rexedor e deixe de ofrecer aos seus veciños alternativas nun territorio no que carece de competencias".

Catalina González lembrou que o seu municipio xa xestiona dúas depuradoras mentres que o Concello veciño non dispón de ningunha, pois lle presta servizo a instalación de Praceres. "E por riba, pretende que a outra vertente lla solucione Sanxenxo", rematou.

Ademais Catalina González adiantou que unha vez tome posesión o novo Goberno da Xunta de Galicia, instará ao titular da Consellería de Medio Ambiente a que solucione canto antes "o problema de Poio", que xera "graves trastornos administrativos ao Concello de Sanxenxo tendo en conta que esta Administración ten que defenderse por sancións que se lle impoñen debido a vertidos a ría que non lle corresponden".

Luciano Sobral, pola súa banda, insiste en que Samieira non é a mellor opción ao ser un emprazamento inadecuado "a Xunta de Galicia sábeo por iso elixiu en primeiro lugar a zona de Pampaido".