Dous dos principais actores nas negociacións polo futuro da fábrica de Ence non acudirán á mesa de traballo que o Ministerio para a Transición Ecolóxica convocou para este venres 10 de setembro, ás 11:00 horas, na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Non estarán nin o presidente da compañía, Ignacio de Colmenares, nin a ministra e vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera, segundo confirmaron fontes consultadas por PontevedraViva, que escusaron a súa ausencia.
Ribera ten marcada na súa axenda unha reunión en Madrid coa Comisión Delegada de Asuntos Económicos e, ao parecer, será substituída polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, que xa estivera na primeira reunión desta mesa de traballo.
Colmenares, pola súa banda, confirmou á Subdelegación que non acudirá, alegando que ese mesmo día tiña xa prevista unha reunión interna na compañía. Por agora, non transcendeu quen ocupará o seu lugar como interlocutor de Ence neste foro.
Quen si estarán nesta reunión, polo menos a día de hoxe, serán o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Emprego e Innovación, Francisco Conde; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Tamén confirmaron a súa asistencia os representantes do comité empresa da fábrica e das oficinas de Ence, así como portavoces de diversos sectores vinculados coa actividade da factoría de Lourizán.