Nace a Escola de Saúde Pública de Pontevedra

Pontevedra
26 de setembro 2024

Nace cun triplo obxectivo: Mellorar a calidade de vida das persoas e promover hábitos saudables, ter un espazo fixo e permanente de participación, de información e coñecemento do traballo altruísta desenvolvido polas asociacións socio-sanitarias e defender a sanidade pública como pedra angular dunha sociedade democrática, equitativa, igualitaria e solidaria

Presentación da Escola de Saúde Pública de Pontevedra
Presentación da Escola de Saúde Pública de Pontevedra / Mónica Patxot

Ponse en marcha a Escola de Saúde Pública (ESP) de Pontevedra, unha iniciativa que supón "un chanzo adiante máis na aposta do Concello polo coidado das persoas e a promoción de hábitos de vida saudables", segundo sinalou Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social.

A ESP nace cun triplo obxectivo: mellorar a calidade de vida das persoas e promover hábitos saudables, ter un espazo fixo e permanente de participación, de información e coñecemento do traballo altruísta desenvolvido polas asociacións socio-sanitarias e defender a sanidade pública como pedra angular dunha sociedade democrática, equitativa, igualitaria e solidaria.

Son moitas as asociacións que están mandando propostas de programación para a ESP e a final de ano presentarase un calendario con diferentes actividades relacionadas coa saúde, que se farán na cidade de Pontevedra durante todo o ano. 

Ata o 11 de outubro poden facer as súas achegas para deseñar e presentar iniciativas (actividades, obradoiros, relatorios...) as asociacións socio-sanitarias, clubs deportivos, colectivos de persoas con diversidade funcional, entidades sen ánimo de lucro, fundacións, colexios profesionais... que teñan como obxectivo fundacional a promoción do benestar, o apoio a enfermos e familiares ou tamén profesionais que traballen na procura da calidade de vida de todas as persoas.

Ao carón da concelleira estaba a presidenta do CEDDD-Galicia (Consello español para a defensa da dis-capacidade e a dependencia), María Jesús Monterde quen amosou a súa satisfacción por formar parte desta Escola de Saúde Pública de Pontevedra, que "será o punto de encontro das asociacións socio-sanitarias; un espazo para detectar, informar e visibilizar doenzas e a diversidade (funcional e sensorial) e beber das sinerxias de Pontesan".

"Queremos volver á humanización da sanidade, non somos números" reivindicou María Jesús Monterde, para de seguido manifestar o seu convencemento de que espazos como Pontesan e a nova ESP "servirán tamén como plataforma para reivindicar un sistema publico de calidade e para axudar a construír unha cidade mellor, sen exclusións".