O alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación, Luís López, asinaron este martes dous convenios de colaboración entre declaracións de mutua lealdade e apoio institucional.
Nun encontro mantido nas remodeladas instalacións da casa consistorial de Pontevedra, financiada con cargo a outro convenio coa Deputación, ambos políticos coincidiron en valorar de maneira positiva a relación entre as súas administracións.
Neste caso, esta colaboración cristaliza en acordos para financiar dúas obras distintas: a construción do viario de Mollavao e a reforma da Rúa 12 de Novembro.
Fernández Lores agradeceu ao goberno da Deputación de Pontevedra que manteña os compromisos alcanzados no pasado mandato, mostrando o seu "boa vontade para posibilitar estas obras".
E é que distintos contratempos fixeron caducar os anteriores convenios que este martes renovaron ambas as dúas institucións.
Lores tamén aplaudiu que o goberno de Luís López manteña o acordo ao que chegou a Deputación cos municipios da provincia "fai xa nove anos e medio" poñendo a disposición partidas orzamentarias para que sexan os concellos os que escollan os proxectos nos que investir os fondos da administración provincial "decidindo o futuro das súas cidades e territorios".
O rexedor da capital indicou que, neste caso, os convenios asinados hoxe financiarán dous proxectos que "son realmente importantes".
Permiten, por unha banda, conectar a estrada vella de Marín (PO-546) coa chamada autovía (PO-12), ademais de mellorar a calidade urbana de toda a rúa Rosalía de Castro; e, doutra banda, xerar unha nova zona de estancia e lecer na rúa 12 de Novembro, coñecida popularmente como a Pasarela.
Ambos mandatarios reiteraron a súa vontade de afondar na colaboración institucional e seguir "tendendo pontes" entre todos os axentes da administración pública.
Luís López puxo como exemplos outras colaboracións entre o Concello e a Deputación, como as realizadas en probas deportivas como as citas internacionais de tríatlon, o pasado campionato de Europa de ciclocrós ou a celebración dos Premios Feroz nos próximos anos 2025 e 2026.