O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres cos votos do PP e PSOE, e a abstención do BNG unha modificación de crédito que ascende a 18 millóns de euros para destinar o Plan provincial de Obras e Servizos.
O voceiro do grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego, César Mosquera, sinalou que dende a formación nacionalista "non imos poñer obxecións". Tan só fixeron unha proposta, que se destine unha partida de 650.000 euros a dotar de servizos aos terreos da Canicouva nos que se proxecta construír a futura planta de compostaxe.
Mosquera considera que coa mellora deste acceso se enviaría "unha mensaxe clara" de que a Administración provincial segue adiante co seu compromiso, e que vai ser a Deputación quen xestione esta infraestrutura.
A petición de César Mosquera foi máis alá e reclamou unha aclaración por parte da Deputación "de que aí non vai haber nunca incineración nin nada deso", e máis en concreto "que non é a Sogama do Sur".
"Hai algún cambio de perspectiva na Deputación de Pontevedra para que se faga unha Sogama do sur onde está proxectada a planta de compostaxe?. A ver estásenos a escapar algo, porque asinado non hai nada", dixo Mosquera.
A emenda do BNG foi retirada no último minuto porque o presidente da Deputación, Rafael Louzán, non estaba presente no Pleno. O presidente en funcións, Xosé Crespo, recomendoulle ao edil pontevedrés "mellor fale destase cousas co presidente". E seguindo o consello do alcalde de Lalín, Mosquera deixou a proposta para mellor ocasión.
Alleo a este debate sobre a planta de compostaxe, a intervención do Partido Socialista cinguiuse a un reproche ao goberno provincial por deixar sen executar unha importante cantidade de diñeiro do presuposto do pasado ano e por excluír aos municipios de Pontevedra e Vigo do Plan de Obras e Servizos.