Mosquera insta o PP a "parar esta tolería", coroa mortuoria incluída, do Parque de Maquinaria

Pontevedra
26 de maio 2016
Actualizado: 17:41

O conflito do Parque de Maquinaria alcanzou, segundo o goberno provincial, niveis "absolutamente intolerables" nun estado democrático. As pintadas e ameazas contra os deputados nacionalistas ou mesmo algúns funcionarios, deron paso a "prácticas mafiosas" que foron denunciadas ante a Subdelegación do Goberno e a Garda Civil. A máis grave, unha coroa mortuoria co nome de Uxío Benítez, deputado responsable de mobilidade

Coroa mortuoria dirixida ao deputado Uxío Benítez
Coroa mortuoria dirixida ao deputado Uxío Benítez / Deputación de Pontevedra

O conflito do Parque de Maquinaria alcanzou, segundo o goberno provincial, niveis "absolutamente intolerables" nun estado democrático. As pintadas e ameazas contra os deputados nacionalistas ou mesmo algúns funcionarios, deron paso a "prácticas mafiosas" que foron denunciadas ante a Subdelegación do Goberno e a Garda Civil. A máis grave, unha coroa mortuoria co nome de Uxío Benítez, deputado responsable de mobilidade.

Na cinta que acompaña á coroa, situada nas inmediacións da casa consistorial de Tomiño -municipio do que é concelleiro Uxío Benítez-, pódese ler "Uxío non te deixaremos en paz". O propio deputado denunciou os feitos ante as autoridades porque "non sei o que pasará mañá" e avanzou que tomará todas as medidas que estean ao seu alcance para "garantir a miña seguridade".

Ademais, novas pintadas e ameazas apareceron en diferentes puntos dos concellos de Tomiño, Moraña, Barro, Bueu ou Vilagarcía de Arousa, todas centradas no BNG e nos deputados César Mosquera e Uxío Benítez, aos que acusan de ditadores, mentireiros e caciques, así como de querer privatizar o Parque de Maquinaria para financiar o seu partido.

Ante estes feitos, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, instou ao Partido Popular, ao que responsabilizan desta campaña de acoso contra o goberno provincial, a que "dea a orde de parar esta tolería", ao ser eles os que "montaron toda esta lea".

"O único responsable de rebentar os plenos e de todas estas pintadas é o PP", reiterou o portavoz nacionalista, que compareceu en rolda de prensa acompañado dos outros tres deputados do BNG -Eva Villaverde, Uxío Benítez e Xosé Leal- e dos socialistas Santos Héctor e Carlos López Font, este último responsable de Persoal.

Mosquera engadiu que este conflito non é laboral, senón político, xa que apuntou que o Parque de Maquinaria era o "brazo armado" do PP, dependendo directamente do ex presidente Rafael Louzán e do seu xefe de gabinete, Martín Serantes, para "satisfacer os seus intereses partidarios".

O grupo de goberno insistiu en que "non se tomou ningunha medida" que prexudique aos traballadores do parque, agora integrados no servizo provincial de Infraestruturas, e volveu a negar que se pretenda privatizar o parque porque "aínda que quixéramos, que non é así, non o poderíamos facer", aclarou o vicepresidente provincial.

A pesar do cariz que alcanzou este conflito, Mosquera asegurou que seguirán negociando "ata a extenuación" para resolver esta situación. Iso si, advirte que "tomamos nota" dos acontecementos das últimas horas.

De feito, o portavoz do BNG engadiu que no último encontro cos traballadores chegouse a un "principio de acordo" polo que ambas as partes de ían dar un mes de prazo para analizar a efectividade dos cambios propostos polo goberno, "pero ao saír alguén deu a orde de montar todo o lío que puideran".

Iso si, por agora estes feitos non serán denunciados ante a xustiza. "Démoslle moitas voltas e en principio non. Prefiro non aclarar por que non", dixo Mosquera que, en todo caso, despois engadiu que "se cadra ven Rueda aquí a decirlles o que teñen que facer e denunciamos ante un señor que vai a correr todos os días con el que é íntimo amigo, co cal xa prevemos o resultado".

PARA O PP AS ACUSACIÓNS DE MOSQUERA SON "INTOLERABLES"

En resposta a estas acusacións, o Partido Popular de Pontevedra asegurou que as palabras de Mosquera contra eles son "intolerables" e avanzan que nas próximas horas estudará tomar medidas legais contra o deputado nacionalista.

Desde o Partido Popular "non só queremos condenar estes ataques", senón que aseguran que se solidarizan co deputado Uxío Benítez, "pero cremos que Mosquera non pensa o que di cando acusa ao Partido Popular de estar de detrás de todo isto, polo que lle esiximos unha rectificación", sinala a voceira popular, Nidia Arévalo.

A deputada considera que o PP "por desgraza" son os que "máis sufrimos a diario este tipo de ataques" e a pesar diso apunta que "nunca se nos pasou pola cabeza a ningún do PP dicir que era un partido político o que estaba detrás". 

"Esperemos que este tipo de actos non se volvan a repetir, pero non é o PP senón o goberno provincial o que pode parar todo isto, porque son os que están supostamente gobernando", asegurou Nidia Arévalo, que lamenta que o bipartito actúe "con chulería, prepotencia e botándolle por riba a culpa aos demais dos seus problemas".

Arquivado en