Mosquera insiste nun porto seco como alternativa para as naves afectadas pola sentenza dos recheos de Marín

Pontevedra
14 de xullo 2014

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, insiste en que se desenvolva un proxecto sectorial que permita manter a actividade empresarial en caso de que se execute a sentenza. Indica que "o asunto do Porto se tomou con moita lixeireza" e que o goberno pontevedrés leva solicitando esta opción dende 2009

Porto de Marín ao carón da praia de Placeres
Porto de Marín ao carón da praia de Placeres /
Mosquera reclama o inicio dun proxecto sectorial para crear un 'porto seco' para Marín /

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, trasladará á próxima reunión do Consello do Porto de Marín unha petición para que se clasifique o chan e se executen os trámites medio ambientais para acometer un 'porto seco' que permita manter a actividade das naves afectadas pola sentenza que obriga ao levantamento dos recheos das instalacións portuarias.

Mosquera manifestou que "o asunto do Porto se tomou con moita lixeireza" e que esta decisión de realizar un proxecto sectorial xa fora formulada polo Concello de Pontevedra dende 2009 a través do consello da Autoridade Portuaria e a través de entrevistas coa ministra de Fomento, Ana Pastor, sen que obtivese resposta.

O concelleiro indica que se se acomete a aprobación deste proxecto de urbanización se podería actuar de xeito inmediato en caso de que se execute a sentenza. Non obstante, afirma que "se non o tes aprobado, pode levar dous ou tres anos". Mantén que "non é descabellado que aí haxa unha paralización real de calquera actividade" ou que non se poidan conceder máis licenzas para novas naves ou que, mesmo, as actuais se teñen algún problema, queden sen posibilidade de retomar a actividade empresarial.

"Parece que aquí na dinámica política de Pontevedra e arredores o único que ten que executar as sentenzas é o concello de Pontevedra. Aos demais parece que non se lle aplican" ironizou César Mosquera en relación co futuro dos recheos do Porto de Marín.