Mosquera desvela que haberá novidades "moi pronto" coa planta de compost da Canicouva

Pontevedra
08 de novembro 2016

Mosquera explicou que "a finais deste mes" haberá noticias "moi concretas" con respecto a este proxecto. O vicepresidente provincial asegura que está "moi avanzado" o diagnóstico que se encargou da planta e do sistema de residuos que se pretende implantar en Pontevedra

Xuntanza da II Fase do Plan Revitaliza de compostaxe
Xuntanza da II Fase do Plan Revitaliza de compostaxe / Mónica Patxot

Tras meses de estudos técnicos, "moi pronto" haberá novidades con respecto ao proxecto da planta de compostaxe que o Concello de Pontevedra ten previsto construír na parroquia da Canicouva. Así o desvelou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

Foi durante a firma do convenio entre a institución provincial, o goberno municipal e a Universidade de Vigo mediante o cal se investigarán os usos e as características dos distintos tipos de compost que se poidan chegar a producir en Pontevedra.

Mosquera explicou que "a finais deste mes" haberá noticias "moi concretas" con respecto a este proxecto.

O vicepresidente provincial asegura que está "moi avanzado" o diagnóstico que se encargou da planta e do sistema de residuos que se pretende implantar en Pontevedra.

En base a esa proposta técnica determinarase, entre outras cuestións, o tamaño e a capacidade que terán as instalacións da Canicouva.

"Vamos moi rápido e chegaremos a alcanzar o mesmo ritmo ao que estamos indo co resto do plan", explicou César Mosquera, sen adiantar máis detalles sobre este proxecto.

Iso si, durante a firma do convenio, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou que a planta de compost de Pontevedra servirá para que un "número indeterminado" de científicos, profesores e alumnos da Universidade de Vigo poidan formarse, ampliar coñecementos e investigar sobre esta materia.

Arquivado en