Mosquera descarta a adscrición de Ence ao Porto de Marín porque tamén ocuparía terreos de dominio público

Pontevedra
28 de setembro 2021

O concelleiro de Ordenación do Territorio advirte que a única solución para a fábrica pasteira é o traslado. Sinala que a vía de adherir a factoría ao porto xa foi explorada en 2005 recibindo informes desfavorables e sendo arquivada por Portos do Estado. Mosquera indica que no porto só poden situarse empresas necesarias para a actividade portuaria

Zona de Lourizán con Ence e o Porto de Marín
Zona de Lourizán con Ence e o Porto de Marín

César Mosquera, concelleiro de Ordenación do Territorio, lembraba este martes que a opción de adscribir a factoría de Ence ao porto de Marín xa foi explorada en 2005 recibindo informes negativos municipais e dun experto en dereito administrativo.

Por este motivo, Portos do Estado arquivara aquela opción manexada polo goberno central para manter á empresa en Lourizán. "Vémoslle tanto percorrido a isto como nada", expuxo Mosquera.

O representante municipal explicaba nesta xornada que os portos tamén son espazo marítimo-terrestres de dominio público e por este motivo, alegou, non poden desenvolverse actividades que non sexan necesarias para o funcionamento portuario. "Ningún porto ten unha celulosa", manifestou. 

Mosquera entende que a proposta formulada polos comités de empresa de Ence durante a reunión mantida este luns co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, é "resucitar unha vía cegada, agora máis cegada que hai 16 anos. É crear expectativas e marear a xente". O concelleiro sinalou que esta iniciativa sería "buscar unha vía fraudulenta que non ten ningúen". 

Tamén arremeteu contra o Consello Consultivo de Galicia a quen a Xunta solicitará un informe sobre a viabilidade legal desta proposta. "Sacará un ditame esotérico", indicou Mosquera para prognosticar que estes informes serán tombados despois pola xustiza. Advertiu, ademais, que quen debe opinar sobre a legalidade desta adscrición non é o Consello Consultivo de Galicia senón o Estado.

Lembrou tamén que en todas as cidades están a retirarse as industrias e que, no caso de Pontevedra,  "o PP está emperrenchado en que non. Están buscando vías fraudulentas" para argumentar que a empresa comprou a factoría sabendo que tiña que abandonala en 2018 e que, a pesar de estar en 2021, segue tentando atopar fórmulas para manterse en terreos de dominio público.

Mosquera sobre unha posible adhesión de Ence ao Porto de Marín: "é resucitar unha vía cegada, agora máis cegada que hai 16 anos. É crear expectativas e marear a xente"

Engadiu que a única solución pasa polo traslado, todas as demais opcións céntranse, segundo dixo, en "buscar posibles alternativas cando non as  hai.  É meterse por vías de embarranque". Indicou que os xuristas municipais entenden que esta opción non ten percorrido xa que a concesión de Ence está caducada e se se realizase esta opción de adhesión ao porto habería que sacar a concurso os terreos.

Engadiu tamén que está sentenciado polo Tribunal Supremo e polo Constitucional que "non se poden facer trampas deste tipo" ao entender que esta operación sería un intento de saltarse a sentenza da Audiencia Nacional que considerou ilegal a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy para manter a fábrica pasteira na ría de Pontevedra.

RESPOSTA Á PETICIÓN DO PP DE REBAIXAR A TENSIÓN

"Hai que ter unha jeta como un zapato", argumentou César Mosquera á petición de Rafa Domínguez, do Partido Popular, de rebaixar a tensión sobre o conflito de Ence. O representante municipal dixo que a kaleborroka se caracterizaba por rebentar pregóns, realizando así unha comparativa cos actos protagonizados por traballadores da factoría durante o pregón deste ano xustificando a utilización de "enceborroka" para definilos.

"Confundimos as  vítimas cos violentos", afirmou sinalando que as protestas dos traballadores teñen uns obxectivos claros no Concello pontevedrés. Demandou a Rafa Domínguez que "utilice a súa influencia ou Rueda ou Feijóo" para dicirlles aos traballadores "que se porten". Convidou tamén os traballadores a que reclamen "o que queiran, que colguen pancartas pero a violencia directa e persoal está fóra de lugar", concluíu.

Arquivado en