O vicepresidente provincial, César Mosquera, asegurou que "rematou radicalmente a política de facer favores co chapapote", no sentido de que a maquinaria do parque da Deputación só se utilizará para atender viais provinciais "facendo convenios claros e transparentes cos concellos".
De feito, o grupo nacionalista da Deputación está a concretar entrevistas cos municipios nas cabeceiras das comarcas para explicar a nova política de actuación. A vindeira semana haberá un encontro no Salnés.
Mosquera fixo este anuncio nunha rolda de prensa na que o deputado provincial responsable de Infraestruturas, Uxío Benítez, presentou as liñas de actuación da súa área, acompañado do director de Infraestruturas, Manuel González Juanatey; e do asesor en materia de mobilidade, Jesús Fole.
Uxío Benitez afirmou que a Deputación pretende estender o 'modelo Pontevedra' ao resto dos concellos da provincia en canto a mobilidade. Benítez indicou que a Deputación provincial quere ir un paso máis alá de "simplemente atender ben as estradas provinciais" e dar unha dimensión máis ampla no servizo aos concellos, cun cambio profundo na concepción do que son as vías, no tratamento que se lles vai dar e no funcionamento de toda a área de Infraestruturas e do parque de maquinaria.
ORZAMENTO ESGOTADO
Nestas primeiras semanas Uxío Benítez xa visitou as instalacións provinciais da área de Infraestruturas para coñecer o estado de situación do servizo e asegurou que tirou dúas conclusións: que o parque de maquinaria recibía ordes directas do anterior presidente (aínda que administrativamente dependía da área de Infraestruturas) e que o orzamento xa está esgotado a falta de cinco meses para rematar o ano. Só quedan uns 300.000 euros de nove millóns orzamentados "e xa están comprometidos".
Por todo iso, Benítez salientou a importancia de democratizar o servizo de Infraestruturas para que "non se faga un uso político e partidista" e de apostar pola mobilidade, a accesibilidade e a seguranza viaria.
Lembrou que a sinistralidade é unha preocupación fundamental e que, dende a oposición, xa se levou adiante unha ordenanza de seguranza viaria.
TRANSFERENCIA DE VIAIS
Por outra banda, Benítez explicou que a transferencia dos viais provinciais aos concellos será outro dos eixos a seguir. "Hai que ver os viais que non teñen que estar nesta casa polo seu carácter municipal e urbano e verase tamén a posibilidade doutras transferencias á Xunta de Galiza", dixo.
Así mesmo, o deputado destacou a colaboración aberta para o financiamento conxunto cos concellos de obras en estradas provinciais seguindo a nova filosofía de actuación. Puntualizou que estas actuacións incluiranse no orzamento do ano que ven.
COMPROMISOS ANTERIORES
En canto aos compromisos adquiridos pola anterior presidencia da Deputación do Partido Popular cos alcaldes da provincia, César Mosquera, indicou que "as promesas, ideas e acordos verbais que se fixeron en precampaña e campaña electoral darían para gastar sete orzamentos completos e dubido que chegaran".
Así, confirmou que será "imposible" atender tódolos requerimentos municipais e manifestou que se estudarán un por un "partindo de cero". "Hai que refacelo todo e ver que se pode facer", finalizou.