Moreira replantearase o seu apoio á planta de compostaxe se hai "oposición social"

Pontevedra
05 de agosto 2014

Así o anunciaron os populares na xuntanza que mantiveron este luns con representantes de diferentes colectivos sociais no local da Federación de Veciños Castelao. De aí que avancen que só apoiarán esta infraestrutura "se non existe oposición social á iniciativa"

Xuntanza entre concelleiros do PP e diferentes asociacións de veciños
Xuntanza entre concelleiros do PP e diferentes asociacións de veciños / Partido Popular de Pontevedra

O Partido Popular aprecia un "forte receo" entre as asociacións de veciños ante o proxecto da planta de compostaxe que impulsan a Deputación de Pontevedra e o Concello. Así o constataron, din os populares, na xuntanza que mantiveron este luns con representantes de diferentes colectivos sociais no local da Federación de Veciños Castelao. De aí que avancen que só apoiarán esta infraestrutura "se non existe oposición social á iniciativa".

Á reunión asistiron representantes de Heroes do Campo da Porta de Salcedo, Santo Paio de Campañó, O Chedeiro de Cerponzóns, Eduardo Pondal, Santa María de Ponte Sampaio, Estriceres de Lourizán, Atlántico e San José de Campolongo.

Segundo os populares, os veciños amosaron a súa preocupación tanto polas dúbidas medio ambientais que provoca a idea, co forte cheiro como primeira consecuencia negativa, como pola falta de información sobre a localización concreta da planta, que terá capacidade para tratar cada ano 70.000 toneladas de residuos.

O líder do PP local recalcou que "non permitiremos baixo ningún concepto que Lores faga con esta instalación o mesmo que fixo cos crematorios, é dicir, que sinale a unha comunidade veciñal como prexudicada, como pasou coa Parda, sen molestarse sequera en escoitar os seus argumentos nin reunirse cos residentes". Entende que o proxecto ten que atopar consenso e aceptación por parte de todos os afectados.

Destaca o Partido Popular nun comunicado que no encontro tamén quedou clara a esixencia xeral de que se realicen en Pontevedra estudos ambientais ou económicos como se fixeron noutras localidades "que promoveron proxectos semellantes con resultados dispares".

Arquivado en