O deputado autonómico do PP e voceiro do grupo municipal do partido en Pontevedra, Jacobo Moreira, presentou unha proposición non de lei para o seu debate no Parlamento de Galicia na que pide á Xunta que, baixo o marco da legalidade, permita á empresa Elnosa garantir os investimentos previstos na súa fábrica de Lourizán.
"Se unha empresa cumpre coa legalidade vixente non se lle pode negar a súa continuidade, máxime cando hai numerosos postos de traballo en xogo", sostén Moreira, que pide que se facilite a tramitación das autorizacións precisas para garantir os investimentos que ten previstos realizar Elnosa na súa fábrica de Pontevedra, acompasando e condicionando a súa actuación a que lle sexan concedidas as autorizacións precisas doutras administracións.
O voceiro 'popular' matiza que pide que se faciliten estes trámites "sempre que se cumpra a lei e exista a máxima transparencia" e explica que o fai porque no Partido Popular "estamos co emprego" e en Pontevedra "non só é necesario atraer máis industria, senón que precisamos manter a existente".
"Como lle imos dicir a uns traballadores que a súa empresa ten que pechar, se cumpre coa normativa? Non sería lóxico", engade.
Moreira tamén considera "desafortunadas" as peticións levadas a cabo pol deputado e concelleiro nacionalista Luis Bará sobre o soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro. Opina que a "descoordinación" que impera no BNG de Pontevedra queda unha vez máis ratificada coas actuacións dos seus concelleiros, pois "se Bará estivese máis atento ao que pasa no seu Concello, tería evitado facer o ridículo no Parlamento de Galicia".