O Concello de Moraña está a preparar o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) para contar cunha folla de ruta sobre as futuras actuacións nesta área, que pasan principalmente por favorecer o tránsito rodado e peonil, impulsar o transporte de viaxeiros en autobús e facer máis confortable o núcleo urbano de Santa Lucía con accións de humanización.
A redacción deste documento, que conta co financiamento da Deputación e que xa avanzou con reunións previas entre a firma Urbin e o goberno local, vivirá esta semana unha nova fase, xa que convouse á veciñanza e aos axentes sociais do municipio a unha xuntanza para presentar as directrices iniciais, impulsar a participación e recoller as súas suxestións. O encontro terá lugar este xoves, 14 de febreiro, ás 20.00 horas na Casa da Cultura.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, convidou á veciñanza, asociacións e demais axentes sociais do municipio a asistir á xuntanza do xoves e facer as súas aportacións, "xa que cantas máis ideas se recollan no documento máis rico será o seu contido e ademais axudará a que deseñemos entre todos un concello confortable, plural e de futuro".
Entre as propostas iniciais recollidas no PMUS, figuran a humanización do centro urbano co ensanchamento de beirarrúas, a xeneración de sendas peonís e ciclistas externas, o reforzo das liñas de bus, a creación de aparcadoiros disuasorios en Santa Lucía, a reordenación do sentido do tráfico nalgunhas rúas ou o deseño das variantes cara os polígonos de Mirallos e Afieiras co propósito de sacar o tráfico máis pesado do centro da vila.
Finalmente, complétase con estudos dos espazos de carga e descarga, de pasos de peóns elevados, de cambios de pavimentación para favorecer a visibilidade e de conclusión da rede de iluminación pública con tecnoloxía Led, así como co deseño de accións formativas sobre mobilidade, especialmente nos colexios, e de iniciativas de emprego dos espazos públicos e da feira quincenal.