Moncloa informa á APDR da situación da concesión de Elnosa e a prórroga de Ence

Pontevedra
21 de setembro 2018

O presidente e o vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa e Benito Andrade, mantiveron este xoves dúas reunións con distintas instancias do goberno do Estado en Madrid

Os representantes de APDR, Benito Andrade e Antón Masa
Os representantes de APDR, Benito Andrade e Antón Masa / PontevedraViva

O presidente e o vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa e Benito Andrade, mantiveron este xoves dúas reunións con distintas instancias do goberno do Estado en Madrid nas que se discutiron distintos aspectos sobre a situación actual de Ence e Elnosa no que á permanencia en Lourizán se refire.

En ambos casos, a APDR entregou un amplo dosier no que se recolle distinta información sobre os procedementos de caducidade de Ence e Elnosa e ao da prórroga de Ence, e no que a asociación fai unha pormenorizada discusión sobre distintos aspectos relativos a estes procedementos.

En primeiro lugar, a APDR entrevistouse co director do Departamento de Asuntos Económicos de Presidencia, Manuel de la Rocha, no complexo da Moncloa, unha reunión de traballo na que participaron expertos do citado departamento e, posteriormente, coa directora xeral de Sostenibilidad de la Costa y el Mar, Ana María Oñoro, e funcionarias do seu gabinete.

A APDR fai unha valoración "moderadamente positiva" de ambas reunións de traballo.

Segundo informman dende o colectivo ecoloxista, con respecto a Elnosa, en ambos estamentos gubernamentais "entendeuse a posición defendida pola APDR" no sentido de que o pasado 29 de xullo extinguiuse o seu dereito de ocupación do dominio público en Lourizán, e confirmouse que "existen causa evidentes de caducidade que van dar lugar á resolución definitiva do expediente de forma positiva para os intereses da asociación e de quen aspiramos á recuperación da ría".

En calquera caso, manteñen a posición de que a administración ten a obriga de rematar a tramitación do expediente de caducidade, un aspecto no que teñen diferencias evidentes na asociación e para o que agardan unha resolución contraria aos intereses da electroquímica nun prazo de tempo que aseguran vai ser curto. Esta resolución conlevaría a liberación dos terreos e a súa ocupación pola administración.

Así mesmo, afirmaron que tratarán de conseguir que se reconsidere a situación da APDR no sentido de que se lles teña por parte interesada neste expediente, unha situación que consideran "irregular", e posibilitarán o acceso ao expediente de caducidade, "un particular que se nos veu negando ata o momento".

Polo que respecta á situación de Ence, os reponsables gubernativos insisten na "dificultade" que supón intervir pola vía administrativa nunha situación que xa está xudicializada, pero "manteñen esperanzas" de que a resolución dos recursos existentes na Audiencia Nacional, poidan "dar un xiro que facilite a resolución favorable á defensa do medio ambiente e remate coa desaparición da empresa do seu actual emprazamento".

A raíz das explicacións dos ecoloxistas e da discusión sobre aspectos recollidos no dosier facilitado pola APDR, un dosier que en ambos casos consideraron de "enorme utilidade pola súa claridade na exposición e polo riguroso das súas propostas e explicacións", a directora xeral afirmou quedar "convencida de que se teñen cometido numerosas irregularidades" tanto na resolución do expediente de caducidade de Ence como no procedemento de concesión da prórroga de 60 anos, e que, nese sentido, "confían en que se poidan solventar de forma positiva pola vía xudicial".

Así as cousas, e a pesar de que existen "evidentes diferencias" entre as posicións manifestadas polos membros de Defensa da Ría e polos representantes da Administración do Estado nestas reunións de traballo, na APDR manifestanse "satisfeitos do traballo desenvolvido nesta xornada", un traballo que supón "un paso máis na nosa aposta decidida pola desaparición do complexo Ence-Elnosa da ría, unha aspiración para a que, con seguridade, seguirá sendo fundamental a mobilización social".

Arquivado en