Modifican a Central de Transportes para incluír un novo acceso, máis aparcamentos e zonas verdes

Ponte Caldelas
13 de novembro 2020

O proxecto da Central de Transportes de Ponte Caldelas, prevista no polígono da Reigosa, vai a experimentar algún cambio. Así, o Instituto Galego de Vivenda e Solo propuxo unha modificación dos seus case 90.000 metros cadrados ás necesidades actuais

Central de transportes de Ponte Caldelas
Central de transportes de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O proxecto da Central de Transportes de Ponte Caldelas, prevista no polígono da Reigosa, vai a experimentar algún cambio. Así, o Instituto Galego de Vivenda e Solo propuxo unha modificación dos seus case 90.000 metros cadrados para adaptalos ás necesidades actuais.

A alternativa seleccionada, que vén de recibir o informe ambiental, prevé un novo acceso na marxe suroeste para o tráfico rodado, incrementa as prazas de aparcadoiro, incorpora beirarrúas nos viarios e aumenta a superficie de zonas verdes.

Ademais, tamén recolle un cambio de uso dos terreos e dalgunhas parcelas para axustarse ás actividades económicas previstas neste polígono.

Neste sentido, a modificación ten aplicación sobre a parcelación e os usos das mesmas en cuestións puntuais, como a aliñación das naves que se constrúan ou na mellora dos servizos e dotacións das parcelas do parque empresarial.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental dispón, á vista dos informes sectoriais e do período de consultas previas, que non é preciso sometelo ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, en tanto non se consideran efectos significativos. 

No informe indícase que o ámbito emprázase nun enclave industrial e que a modificación non comportará un impacto paisaxístico significativo, pois non se mudará a paisaxe da Central de Transportes.

A Xunta agarda que o proxecto sirva para potenciar a oferta de solo empresarial da comarca e dinamizar a implantación de novas empresas ou o traslado ou ampliación doutras xa existentes e que necesiten solo urbanizado para o desenvolvemento dos seus proxectos.

Arquivado en