Moderada satisfacción, salvo no PP, tralo encontro entre os partidos políticos e os 'anti-crematorios'

Pontevedra
29 de xullo 2014

Os veciños lograron o compromiso de que se intentará convocar á empresa Funespaña a unha reunión a tres bandas para coñecer os plans da compañía para o pretendido crematorio de San Amaro

A plataforma 'Non Crematorios Pontevedra Leste' valora a xuntanza con BNG, PSOE e PP /
Xuntanza dos voceiros de PSOE, BNG e PSOE coa plataforma 'Non Crematorios"
Xuntanza dos voceiros de PSOE, BNG e PSOE coa plataforma 'Non Crematorios"

Os membros da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste mantiveron este martes unha xuntanza cos voceiros dos tres partidos políticos (BNG, PSOE e PP) con representación na corporación municipal. Un encontro en que lograron o compromiso de que se convoque á empresa Funespaña a unha reunión a tres bandas para coñecer os plans da compañía para o pretendido crematorio de San Amaro.

Os afectados aseguran que é un "paso adiante", porque esperan que lles sirva para clarificar "a situación na que estamos", segundo sinalou un dos voceiros da plataforma, José Luis Calvo. Asegura que para ver que posibilidades hai para solucionar este conflito "non queda máis remedio que sentarse coa empresa", porque entende que ao tratarse dunha firma privada "aquí ninguén sabe nada" sobre os seus propósitos.

Neste sentido, José Antonio Ramírez apuntou que "nosotros no queremos que se quebrante la ley, pero será necesario que nos sentemos a hablar". Afirmou que os que se opoñen aos crematorios en zonas urbanas "no somos un grupo de locos", xa que recordou que esta mesma problemática se dá nunhas dez cidades en toda España. Trátase dun asunto, insistiu, que se pode resolver se hai vontade política.

Recordou que máis alá de Funespaña e o barrio de San Amaro hai outras seis situacións en "stand-by", unha circunstancia que, na súa opinión, "un día de estos nos estalla y se forma un problema". De aí que urxan aos tres partidos políticos e ás administracións con responsabilidade na materia, entre elas a Xunta de Galicia, a sentarse a negociar coas empresas e os veciños para buscar solucións a esta problemática.

A vía da negociación tamén é a preferida para o voceiro municipal do PP, que criticou que o alcalde non estivese na reunión. Insiste en que este asunto ten unha solución política, "igual que en su día logramos sacar así Tafisa, Harinas Reyes o el cuartel de Campolongo". Jacobo Moreira recordou que o seu partido propón buscar unha parcela nun polígono industrial "que satisfaga a todos los intereses".

No caso concreto de Funespaña, Moreira insta ao goberno municipal a negociar coa empresa e ofrecerlle unha permuta de terreos, para lograr que os veciños de San Mauro "estén tranquilos de que no se va a hacer un crematorio cerca de sus casas". Ademais, criticou que o Concello de Pontevedra trate de responsabilizar a Xunta de Galicia nun asunto que é "meramente urbanístico".

LOURO FALA DE REUNIÿN "FRUCTÍFERA"

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, coincidiu cos veciños ao cualificar de "frutífera" a reunión deste martes. A pesar de recoñecer que "enorme dificultade" que existe para resolver este asunto, avanzou que intentarán manter un encontro con Funespaña para buscar unha solución "partindo de que é difícil", porque recorda que como titular da parcela de San Amaro "ten uns dereitos adquiridos".

Louro entende que se se quere evitar que a empresa utilice esa parcela "haberá que indemnizalos porque teñen unha inversión feita" e todos os permisos en regra, tanto os concedidos polo Concello de Pontevedra como pola Xunta de Galicia "e por unanimidade de todos os partidos políticos". Aínda así avanza que "queremos intentar resolver esa complexidade e que os veciños poidan ver satisfeitas as súas pretensións".

En todo caso, o edil socialista insistiu na necesidade de contar co goberno autonómico nestas conversacións, xa que con eles se debe analizar, dixo, os cambios normativos que se prevén nesta materia, entre eles unha posible reforma do decreto de policía sanitaria e mortuoria. Sobre este último, sinalo, "haberá que intentar influír na súa modernización".