Mínuto de silencio polo asasinato de Celeste: "Non podemos focalizar nos medios materiais a solución dun problema que está na cabeza dos humanos"

Pontevedra
26 de novembro 2024
Actualizado: 13:29

"Lamentablemente, un minuto de silencio máis por un asasinato machista máis", lamentou Abel Losada, que recoñeceu que "ás veces dá a sensación de que as palabras sobran, por repetidas"

Minuto de silencio polo crime machista de Celeste diante da Subdelegación do Goberno Mónica Patxot

Tan só 24 horas despois de acoller o acto institucional do 25-N, Día Internacional a Eliminación da Violencia contra a Muller, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra volveu falar de violencia machista.

Nas escaleiras do edificio realizouse un minuto de silencio polo crime de Celeste, unha muller 46 anos asasinada a mans da súa parella en Estepa (Sevilla) e que deixa dous fillos menores de 17 e 11 anos orfos.

"Lamentablemente, un minuto de silencio máis por un asasinato machista máis", lamentou o subdelegado, Abel Losada, que lembrou que é a vítima 41 da violencia machista no que vai de ano en España.

Losada mostrou o seu pesar e recoñeceu que "ás veces dá a sensación de que as palabras sobran, por repetidas", pero o certo é que "lamentablemente, o drama, o problema, continúa aí".

Durante a celebración do 25N, a xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido, sinalou que cada vez que ten oportunidade pide máis medios materiais, que sempre son necesarios.

A esas palabras respondeu este martes o subdelegado. "Indubidablemente, os medios sempre poden considerarse insuficientes", recoñeceu, pero quixo sinalar que "non podemos focalizar exclusivamente nas cuestións dos medios materiais, orzamentarios a solución dun problema que está na cabeza dos humanos".

Así, recoñece que "os medios son imprescindibles, non cabe dúbida", pero cre que "a problemática vai máis aló das cuestións materiais".

O representante do Goberno na provincia fixo un chamamento á colaboración de todos, desde o ámbito político ao xudicial, o educativo ou o das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para chamar a atención a aqueles que cuestionan a violencia de xénero.

"Cada vez que alguén fala de violencia intrafamiliar, relativiza os asasinatos das mulleres por parte de homes dicindo que ao final é o mesmo que cando unha muller mata a un home, lamentablemente estamos a dar pasos atrás", lamentou.

Lembrou que é importante a toma de conciencia de que "nestes momentos de ruído e furia que hai en Pontevedra, en Galicia, en España e no mundo, temos que saber claramente a quen temos en fronte e de que lado estamos".