Un total de 20 persoas de Ponte Caldelas serán seleccionadas para participar nun programa de Capacitación en Montaxe de Estruturas Metálicas que vai durar dous meses, co compromiso de contratación, ao remate do curso, por parte da empresa especializada Metal Works and Structures, dun mínimo dun 50% dos participantes.
O Concello asumirá, cando menos, a metade do custo deste programa de formación especializada para reducir o importe a aboar polos beneficiarios.
O acordo é froito das conversas mantidas polo alcalde, Andrés Díaz, co responsable de recursos humanos de Metal Works and Structures, Daniel Prego, e Francisco López, técnico da formadora especializada no sector industrial Formasolga. Metal Works é unha firma con sede en Vigo e que está a traballar en numerosas localizacións a día de hoxe, especialmente vinculadas á obra pública.
Andrés Díaz subliña a importancia desta iniciativa froito das políticas activas do Concello de Ponte Caldelas para facilitar a inserción laboral dos seus veciñose axudar así a fixar poboación no municipio mediante a contratación de veciños nas fábricas do polígono industrial da Reigosa. Máis aínda, destaca a importancia deste acordo, posto que o perfil que se busca é amplo, pois está dirixido a homes e mulleres por igual e tampouco se dá preferencia a ninguén en función da idade.
A empresa adquire o compromiso de contratar cando menos a un 50% das persoas que participen no programa e superen os seus módulos cun aproveitamento adecuado. A porcentaxe podería mesmo incrementarse en función do grao de asimilación.
Durante o curso impartirase formación en Soldadura, Interpretación de planos, Eslingado de cargas, Formación en PRL en montaxe de estruturas, Traballos en altura e Operador de Plataformas Elevadoras Móviles de Persoas, todos eles aspectos relacionados coas necesidades da empresa.
A duración do programa formativo é de 200 horas, o que consumirá uns dous meses aproximadamente. A previsión é comezar o 8 de xaneiro e rematar na segunda semana de marzo nunha formación intensiva de luns a venres.
As persoas interesadas deben presentar a súa solicitude no Concello de Ponte Caldelas ata o día 29 deste mes de decembro. A proba de selección para elixir aos 20 participantes será o 2 de xaneiro e a listaxe definitiva de admitidos será o 5 de xaneiro.