"Mentras non haxa consenso a Deputación non vai a levar a cabo nada", asegura Louzán sobre a planta de compost

Pontevedra
27 de marzo 2015

A presenza no Salón de Plenos da Deputación de 120 membros da Plataforma 'Residuos Non' xirou a sesión plenaria deste venres en torno ao proxecto de planta de compostaxe que promoven a Administración provincial e o Concello de Pontevedra en terreos da Canicouva

Protestas no Pleno da Deputación da Plataforma 'Residuos Non' /

A presenza no Salón de Plenos da Deputación de 120 membros da Plataforma 'Residuos Non' xirou a sesión plenaria deste venres en torno ao proxecto de planta de compostaxe que promoven a Administración provincial e o Concello de Pontevedra en terreos da Canicouva.

O presidente provincial, Rafael Louzán, aclarou que "mentras non haxa consenso a Deputación non vai a levar a cabo nada". Era a resposta que esperaban os membros da plataforma que aplaudiron esta intervención e mesmo lle berraron a Louzán "tú si que vales".

No seu discurso Rafael Louzán chamou á responsabilidade de todos os partidos á hora de facer política con determinados asuntos como a xestión dos lixos e explicou a súa propia experiencia como veciño de Ribadumia que ten unha planta de transferencia de residuos a 300 metros da súa vivenda "e non pasa nada". Tamén recordou o conflito da empacadora de Vilaboa coas mobilizacións protagonizadas entón polo PSOE e o BNG: "daqueles polvos veñen estes lodos".

O centro de todas as críticas foi o voceiro do BNG e concelleiro pontevedrés, César Mosquera, quen xunto ao alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, foi sinalado por unha voceira da plataforma na súa intervención pola súa "prepotencia, chulería e prácticas antidemocráticas que xa criamos desterradas".

O aludido apenas puido arrancar co seu discurso xa que pronto era interrompido polos berros e apupos dos veciños de Ponte Sampaio presentes no salón de plenos.

A ocasión foi aproveitada polo grupo socialista, cuxo voceiro, Santos Héctor, esixiu ao presidente unha "resposta clara" a unha sinxela pregunta: "segue adiante co proxecto ou non?". De novo aplausos do público.

A segunda intervención de Mosquera nin sequera foi atendida. No medio do seu discurso os membros da plataforma levantáronse e abandonaron o edificio deixando o deputado nacionalista coa palabra na boca.

Perdéronse a súa declaración de intencións: "imos seguir adiante, se temos de novo a confianza da xente despois do 24 de maio", apuntou que espera contar coa "compañía" da administración provincial neste proxecto de construir unha planta de compostaxe pero de non ser así seguirán en solitario, porque "non nos vai a tremer a man".

"Pois elixan ben os compañeiros de viaxe", dixo Louzán na súa última intervención referíndose aos socialistas socios de goberno do BNG no Concello de Pontevedra dos que dixo "só están aí para desgobernar" e aos que recomendou que "monten un cuadrilátero e se dean de leches entre vostedes".

Arquivado en