O movemento de oposición veciñal e social contra a instalación de crematorios fixo unha importante demostración de forza.
Ao redor dunhas trescentas persoas asistiron na fría noite do martes a unha concentración convocada polos afectados en Mourente e na zona da Parda, onde se proxectan instalacións deste tipo xunto aos residentes das rúas Arcebispo Malvar e avenida do Uruguay contrarios ao proxecto que barallan dúass funerarias nesta contorna, que se sumaron a esta protesta.
Nos distintos corrillos formados durante a mobilización o tema era o vivido pola mañá no pleno da corporación de Pontevedra.
Algún membro defraudoume, pensei que terían más respeto polos veciños
Antonio Montes, un dos veciños afectados, asegurou que "nos si que estamos indignados e non aqueles do 15M", e engadiu que os pontevedreses "non nos merecemos a clase política que temos".
"A min hoxe a exposición dalgún membro defraudoume, pensei que terían máis respecto polos veciños", dicía este residente da zona vella alarmado porque "van meter unha cheminea no centro histórico de Pontevedra para queimar cadáveres, e logo veñen os da Defensa da ría a falar da Celulosa", afirmaba con retranca.
Outro veciño, tan ou máis enfadado que os seus compañeiros, mostrábase apesadumbrado logo de ser testemuña "de como os nosos políticos botaban balóns fora e ninguén ten a culpa" e reprocháballes "a uns e a outros" que demorasen este debate ata que pasasen as eleccións galegas.
Loli Castro, veciña do Centro Histórico, esixía rigor á hora de aplicar unha distancia mínima entre este tipo de instalacións e as vivendas, aplicando a normativa medioambiental xa vixente.
A normativa medioambiental apoia a demanda dos veciños
Esta veciña, que estudou outros casos similares en concellos como Bilbao ou Madrid, asegurou que a normativa medioambiental apoia a demanda dos veciños, tanto os do Centro como os de Mourente, "é que ademais é de sentido común", remachou.
Tras estudar os informes redactados polas Consellerías de Sanidade e de Medio Ambiente, desde os departamentos correspondentes da administración autonómica aseguráronlles a estes portavoces veciñais que o visto bo da Xunta está dado "en base aos informes favorables para o Tanatorio-Crematorio redactados pola Oficina técnica de Urbanismo do Concello de Pontevedra", afirmaron.
Se temos que ir ao Tribunal Supremo, ata alí iremos
"Estes informes municipais non din nada, só citan a incidencia ambiental sen referir os efectos que pode producir, non mencionan as vivendas que hai ao carón, nada pero claro non contaban coa alarma social", sinalou Loli Castro.
"Estamos superinformados, que non traten de enganarnos", advertiu outra veciña "xa temos avogados contratados e si temos que ir ao Tribunal Supremo, ata alí iremos, somos catro Plataformas e podémolo facer tranquilamente", foi o último recado dirixido aos políticos.