O Concello de Sanxenxo decidiu tomar medidas contra a situación de seca prolongada e, de xeito urxente, decidiron restrinxir o uso da rede municipal de auga para cuestións como o recheo de piscinas, o lavado de coches, o rego de xardíns públicos e particulares ou o uso dos lavapés das praias.
Tamén se restrinxen os baldeos, tanto de espazos públicos como privados, e nos espazos públicos quedarán limitados á auga diaria recollida no alxibe de Fontoira.
O alcalde, Telmo Martín, asinou un bando no que detalla que se trata de medidas urxentes para axudar a "mitigar a actual situación de alerta hidrolóxica" e "preservar un ben tan esencial como a auga".
Xustifica que debido á escaseza de choivas e o elevado consumo de auga que se está a producir no Concello de Sanxenxo é preciso optar por restricións e "polo ben de todos e co obxectivo de non ter que tomar medidas máis restritivas", apela ao civismo e responsabilidade da veciñanza no consumo e uso da auga no día a día.
"Xestos como o cambio de baños por duchas ou pechar a billa cando non se estea utilizando son medidas que axudarán a mellorar a situación", lembra o alcalde, que sinala que estas medidas manteranse ata novo aviso.
O alcalde pide toda a implicación da poboación porque só con este compromiso e solidariedade se poderán prolongar as reservas actuais de auga.