Nove horas de operación. É o tempo que lle levou a un equipo médico do Hospital Povisa de Vigo reimplantarlle a un traballador do porto de Marín un dos seus brazos, que acabou seccionado nun recente accidente laboral.
Víctor Santiago de Rosario puido recuperar o brazo grazas ao traballo de cinco especialistas, entre cirurxiáns plásticos e reconstructores, traumatólogos e anestesistas.
O pasado 6 de xullo, o mozo atopábase manipulando unha carretilla elevadora das que se utilizan para transportar palets cando, por un fallo mecánico, os ganchos da carretilla esborralláronse sobre o seu brazo esquerdo, seccionándoo por baixo do cóbado.
Trasladado de urxencia a Povisa por unha ambulancia medicalizada do 061, foi intervido baixo a coordinación da cirurxiá plástica e reconstructora Margarita Arnáiz.
Na operación uníuselle en primeiro lugar o óso con placas e parafusos, se reconectaron arterias e veas para recuperar a irrigación e suturáronse tamén nervios, músculos e tendóns.
Tras a cirurxía, permaneceu 24 horas na Unidade de Coidados Intensivos, pasando posteriormente á planta de hospitalización.
Varios días despois da intervención, e pasada a primeira semana crítica, o paciente evoluciona favorablemente e será dado de alta nos próximos días, antes de iniciar o seu período de rehabilitación.