Mato reitera o seu malestar porque Poio continúe sen atopar espazo para a depuradora

Pontevedra
10 de maio 2018

A conselleira de Medio Ambiente lamentou que o goberno local de Poio non aposte por un espazo para esta infraestrutura que, lembrou, melloraría a calidade das augas da ría. Mostrou tamén a súa satisfacción porque Costas do Estado legalice as instalacións da depuradora de Praceres

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, en Ludantia
A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, en Ludantia / Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, manifestou este xoves en Pontevedra a súa satisfacción porque o departamento de Costas do Estado desbloquease o proceso de titularidade da depuradora de Praceres, na ría de Pontevedra, manifestando que o informe por parte do Ministerio de Medio Ambiente sitúa este procedemento na súa fase final para conceder a legalidade a estas instalacións, coa posibilidade de mellorar esta infraestrutura e unha futura ampliación por parte da Xunta de Galicia.

Mato aproveitou para referirse ao compromiso da administración autonómica co plan de saneamento da ría de Pontevedra ao que se destina un millón de euros, tanto para o seu coñecemento, diagnóstico como para investimentos en infraestruturas.

Neste sentido, amosou a súa preocupación porque o Concello de Poio non se decidiu por uns terreos para a instalación da depuradora para esta marxe da ría. Lamentou o "hastío" do goberno local bipartito que lidera o alcalde Luciano Sobral e lembrou que a Xunta avaliou nove emprazamentos distintos sen que se puido definir a localización. 

A conselleira reiterou o compromiso que existe para a mellora da calidade das augas, que se plasma na mesa na que se atopan representados os concellos de Pontevedra, Marín e Poio, ademais dos mariscadores. Anunciou que nesa Mesa presentarase o plan de saneamento durante os próximos meses.

MODIFICACIÓN DO PLAN SECTORIAL DE ENCE

Beatriz Mato tamén se referiu a que se continúa a tramitar na Xunta de Galicia a modificación do plan sectorial de Ence, que xa se atopa na última fase. 

A responsable de Medio Ambiente destacou que esta modificación que lle permitirá instalar a planta de biomasa nas actuais instalacións de Lourizán á entidade pasteira.