Mari Carmen Vázquez Nores, patroa maior da confraría de Santo André de Lourizán, mostrábase satisfeita este venres coa posta en marcha oficial do novo emisario submarino da depuradora de Praceres.
"Foron moitos anos cun abandono total, porque era unha decantadora que botaba a porcallada ao mar", explica a máxima representante do colectivo de persoas que traballan no banco marisqueiro indicando que o traballo realizado pola Xunta durante os últimos anos permitiu mellorar a depuradora e agora o emisario, tal e como solicitaran todos os sectores na mesa da ría. A nova canle elimina as verteduras que se facían por parte da EDAR na contorna da Illa de Tambo.
Pero Mari Carmen Vázquez recoñece que aínda queda un punto contaminante por eliminar. "Queda o punto Cocheras, que está pendente de arranxalo", engade indicando que co incremento das augas nese aliviadoiro aflora vertido "por todos lados".
"É a nosa zona cero", explica e argumenta que a contaminación que ese punto producía no banco marisqueiro foi o causante "da nosa guerra" para reclamar o saneamento da ría de Pontevedra desde 2014 demandando a intervención das administracións para que se cumprise coa normativa da Unión Europea. "Queremos que esa zona cero desapareza", asevera.
Asegura tamén que cunha cantidade excesiva de auga, como estes días, saltan os bombeos e "o que une a parte de Poio con Pontevedra é o punto Cocheras e bótao fóra", explica indicando que a depuradora actual carece do potencial suficiente para recoller toda esa cantidade de auga.
Actualmente a cualificación do banco marisqueiro de Lourizán é de zona B. "Quero que se siga mantendo", afirma a patroa maior despois de moitos anos nos que a cualificación variaba entre B e C. Para acadar con seguridade ese obxectivo pide a eliminación do punto contaminante e a ampliación da depuradora.
TEMOR Á MORTALDADE DE BIVALVOS POLAS CHUVIAS
Vázquez Nores tamén mostra a súa preocupación polas choivas das últimas semanas. O sector marisqueiro da confraría está a realizar un parón na extracción coa idea de que resulte beneficioso para o traballo ao longo de todo o próximo ano, tal e como xa sucedeu hai dous anos. "Estamos a tentar facer o mesmo porque vén a campaña de Nadal", apunta.
Mari Carmen Vázquez: "teremos algo de mortaldade, o que está encima non vai volver a enterrarse"
"Está a aflorar a semente do berberecho, algunha ameixa non aguanta", explica, "teremos algo de mortaldade, o que está encima non vai volver a enterrarse". A asistencia técnica que lles asesora sobre o plan de xestión do banco marisqueiro indicáralles que tiñan moi boa produción e moi boa semente pero as choivas inesperadas fan perigar ese traballo.
"Estas frontes de choiva seguen vindo pero ao mar temos que ir porque temos que traballar", comenta sinalando que a partir do 12 ou 13 de novembro volverán co cambio de mareas e esperan que na ría pontevedresa non suceda o que sufriu en outubro o sector en Noia co 80% de mortaldade de bivalvos, debido ás riadas e á apertura do encoro provocando a baixada da salinidade das augas e a morte do marisco.