Marea Pontevedra presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación pedindo ao Concello que poña a disposición da veciñanza de Bora e Xeve afectada polo segundo tramo da autovía A-57 asesoría técnica e cobertura xurídica para que poidan defender o seus dereitos e emprender as accións legais necesarias contra este proxecto.
Así o deu a coñecer este venres o voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, que compareceu coa deputada de En Marea no Congreso dos Deputados Alexandra Fernández para dar conta das accións que vai poñer en marcha o seu grupo político a nivel estatal e municipal para manifestar a súa oposición á A-57 e defender aos afectados polo segundo tramo, que se atopa a exposición pública, entre A Ermida e Barro.
Luis Rei e Alexandra Fernández compareceron acompañados por un grupo de veciños das dúas parroquias afectadas por este novo tramo, aos que amosaron o seu apoio desde o principio das súas protestas contra os dous trazados que proxectou o Ministerio de Fomento para este segundo tramo. Esta oposición xa a amosaran tanto Marea Pontevedra como En Marea ao primeiro tramo da A-57, que se atopa en obras entre Vilaboa e A Ermida a pesares da forte oposición veciñal que liderou a plataforma Salvemos a Fracha.
O voceiro de Marea Pontevedra destacou que esta infraestrutura "innecesaria" afecta aos veciños de Bora e Xeve e, en xeral, a todas as persoas que viven en Pontevedra e sinalou que a A-57 "converte nun inferno a vida de moitas familias e aséstalle unha coitelada definitiva ao rural pontevedrés" da man do Ministerio de Fomento do PP e do PSOE e tamén do BNG de Pontevedra, que non se opuxo desde o Concello a este proxecto estatal.
Alexandra Fernández insistiu en que a A-57 é unha infraestrutura "totalmente innecesaria" que vai paralela á autoestrada AP-9 nas provincias de Pontevedra e A Coruña e que se evitaría coa liberación da peaxe desta infraestrutura. Así, na súa opinión, significa "pagar dúas veces": a peaxe e a nova obra.
"A construción da A-57 é unha aberración. Non é unha circunvalación, senón unha autovía que atravesará o Galicia desde A Coruña ata O Porriño", insisten Rei e Fernández. En relación con esta circunstancia, En Marea presentará no Congreso unha proposición non de lei (PNL) para a paralización de todo o proxecto, o que xa está en tramitación e o resto dos tramos para os que aínda non se deron pasos, pero que xa forman parte dun proxecto conxunto Norte-Sur que se publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) en 2015.
Ademais, En Marea presentará dúas preguntas no Congreso, unha para pedir a paralización e outra para preguntar "datos exactos" a Fomento sobre todo o impacto da A-57 entre A Coruña e Ponteareas e cal é a cuantía do proxecto completo.
"O que fai falta é unha racionalización das infraestruturas. A prioridade ten que pasar por unha autoestrada libre de peaxes e por investir no seu mantemento e non na construción de autovías paralelas a outras que xa existen", destacou Alexandra Fernández.