Marea leva a pleno unha petición para que o Concello "corrixa o baleiro no PXOM" en relación cos crematorios

Pontevedra
12 de marzo 2019

O voceiro de Marea Pontevedra, Luis Rei, considera que a loita do veciños das zonas de San Amaro e A Parda en contra da instalación de crematorios no barrio "volve ser a historia  de David contra Goliat, na que uns pequenos Davides se rebelan contra a consideración de pontevedreses de segunda" 

Luís Rei e José Antonio Ramírez
Luís Rei e José Antonio Ramírez / PontevedraViva

O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, considera que a loita do veciños das zonas de San Amaro e A Parda en contra da instalación de crematorios no barrio "volve ser a historia  de David contra Goliat, na que uns pequenos Davides se rebelan contra a consideración de pontevedreses de segunda".

Despois da última sentenza do Tribunal Supremo que rexeita o recurso do Concello de Pontevedra contra a anulación da ordenanza que impide proxectos de crematorios a menos de 50 metros das casas, desde Marea consideran que se confirmo esa condición dos veciños como 'Davides' e que é hora de que o goberno local asuma dúas medidas: dialogar coa veciñanza e regular o PXOM. 

Así, desde Marea Pontevedra levarán unha moción ao pleno da corporación deste venres 15 de marzo na que buscan o apoio de todos os grupos municipais para instar á Xunta de Goberno local a impulsar un acordo para corrixir o baleiro no PXOM vixente a respecto dos crematorios, supeditándoos á Avaliación Ambiental Estratéxica, e a buscar o apoio da veciñanza, ofrecéndolle unha solución sobre distancias dos edificios e casas que protexa a saúde dos habitantes da zona Leste (San Amaro-A Parda).

Luís Rei compareceu este martes acompañado polo activista da plataforma anticrematorios José Antonio Ramírez, que denunciou que o goberno local do BNG continúa sen recibir á veciñanza afectada e poñerse en contacto con eles. "Semella que queren continuar a vía do litixio sen contar coa veciñanza", critica, e lembra que xa se lles ofreceu en reiteradas ocasións facer uso da figura dun mediador profesional. Mesmo lle deron un nome dun reputado especialista a nivel estatal que rexeitaron. 

A moción de Marea Pontevedra baséase en que o PXOM actual non regula as condicións da  instalación de crematorios na cidade, polo que existe un baleiro normativo que serviu de caldo de cultivo para que no ano 2012 chegaran a presentarse cinco proxectos de crematorios na cidade. Aínda que os catro primeiros (en Arcebispo Malvar, Santo Amaro, rotonda da Avenida de Lugo-Montecelo e ao carón do Hospital de Montecelo) foron desactivados pola moratoria sobre as licenzas e a posterior regulación do Concello, un quinto segue vivo. Trátase dun proxecto de Sempsa-Funespaña que se afianzou coa decisión da Xunta de Galicia de eximilo da Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE).

Desde Marea critican que o goberno local nunca tivo vontade negociadora e as reunións coa veciñanza foron estériles, "porque se facían co propósito só de gañar tempo e sen ofrecer nunca unha alternativa" e que o resultado desa actitude foi que o Concello perdeu nos tribunais.