Malestar en Campañó ante a posibilidade de que a parroquia acolla a planta de compostaxe

Pontevedra
07 de outubro 2014

Trátase de habitantes do lugar do Riveiro que lamentan que a comunidade de montes ofertase para a planta de compostaxe terreos situados no monte comunal de Montecelo. O concelleiro César Mosquera recoñeceu que Campañó é unha das situacións que se barallan, pero negou que se pechase un acordo ou, sequera, que esta sexa a opción mellor situada de todas as ofertas recibidas

Un dos carteis aparecidos en Campañó contra a planta de compostaxe
Un dos carteis aparecidos en Campañó contra a planta de compostaxe / Cedida

Pouco a pouco vanse desvelando as posibles situacións da planta de compostaxe que impulsan o Concello de Pontevedra e a Deputación provincial. Pero a falta de información sobre as ofertas recibidas está a espertar certo receo nalgunhas parroquias pontevedresas. Unha delas é Campañó, onde un grupo de veciños colocou numerosos carteis nos que mostran a súa oposición a este proxecto.

Trátase de habitantes do lugar do Riveiro que lamentan que a Comunidade de Montes de Campañó ofertase para a planta de compostaxe terreos situados no monte comunal de Montecelo. E todo iso sen consultar cos veciños. Aseguran que estas instalacións provocarán a contaminación das traídas de auga, numerosos ruídos e cheiros e o paso pola parroquia duns 100 camións diarios cargados de residuos orgánicos.

O concelleiro César Mosquera, a preguntas dos xornalistas, recoñeceu que Campañó é unha das situacións que se barallan, pero negou que se pechase un acordo ou, sequera, que esta sexa a opción mellor situada de todas as ofertas recibidas. Ao goberno municipal, dixo, por agora só lle chega o interese da comunidade de montes, "pero non sabemos en que trámite está" ou se os propietarios dos terreos sondaron a acollida que poida ter.

Iso saberase nunha fase posterior de toda esta tramitación. En todo caso, o edil nacionalista avanzou que o Concello de Pontevedra baralla unhas dez ofertas de comunidades de montes, organismos públicos e particulares privados. Todas elas están a ser analizadas polos técnicos municipais.

En concreto, Mosquera explicou que se dirixiron ao Concello de Pontevedra, administración que tutela o proceso para encontrar os terreos que mellor se adapten a unha planta destas características, cinco comunidades de montes, un organismo público e tres particulares de Barro, Meis e Silleda. Este último, explicou, oferta unha parcela que "senón fora porque está moi lonxe sería perfecta". Algúns deles presentaron mesmo varias alternativas.

O PSOE ENTENDE O MALESTAR

Ante esta situación, dende o PSdeG-PSOE aseguran entender a preocupación dos veciños. Critican que todo este proxecto non se estea a xestionar "con luz e taquígrafos", segundo denunciou o secretario local, Agustín Fernández. Asegura que a falta de información está a xerar "inquietude" nas parroquias do rural pontevedrés e vaticina que a este malestar de Campañó se irán sumando outras zonas en próximas semanas.

Agustín Fernández reiterou que Pontevedra "non é o lugar axeitado" para instalar un "vertedoiro" para o lixo de 21 municipios da provincia. Neste sentido, sinalou que se deben estudar outras alternativas e que a Xunta de Galicia, como administración competente nesta materia, debería formar parte deste convenio. "Este pacto entre PP e BNG ule moi mal e está feito sen moita transparencia", concluíu.

Arquivado en