Unha mestura de malestar e preocupación. É o que se vive en Poio polo atraso que acumulan as melloras comprometidas por Portos de Galicia nos peiraos de Raxó e Covelo. Ambas actuación figuraban nun convenio asinado co Concello en 2009 e a situación de deterioración é case insostible, segundo denuncian os seus usuarios.
Así o aseguran desde a Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó, que responsabiliza da situación "única e exclusivamente" ao actual presidente de Portos, José Juán Durán, e a "fobia política" que aprecian nel "contra toda alternativa que non sexa a súa propia", sen que haxa motivación técnica ou económica algunha.
Na última xuntanza, recorda este colectivo, a única decisión que quedou pendente era decidir as características da tubaxe que habería que colocar nas obras de acondicionamento, en previsión dunha posible construción da depuradora en Pampaído. "Garantiron que en quince días estaría resolto o asunto", sinalan. Iso foi en xuño de 2017.
En Raxó preocupa especialmente o estado do muro de contención. A dureza dos últimos temporais deteriorouno "enormemente" ata o punto de "poñer en risco" a integridade de transeúntes ou turismos ao existir un "risco inminente" de caída ou esborralle.
Ironizan ademais con que o voceiro do PP, Ángel Moldes, "tan sensible noutros temas" non se teña decatado deste perigo "nas portas do seu domicilio".
A Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó reclama ao goberno local que proceda á sinalización e valado da zona de risco e, aos demais actores sociais e políticos que integran a comisión veciñal dos portos de Raxó e Covelo, que se sumen "sen ambigüidades" a esta reivindicación, "que xa leva trazos de converterse en histórica".
A execución das obras de mellora, acordadas entre a Xunta e o Concello, acumulan "case unha década de lamentable retraso e incumprimento", conclúen.
O CONCELLO TAMÉN PROTESTA
A este respecto, desde o propio Concello tamén se suman a estas críticas. O edil de Urbanismo, Gregorio Agís, asegura que é unha "falacia" que, como sinala Portos de Galicia, a situación da futura depuradora estea a condicionar estas dúas actuacións en Raxó e Covelo. "Son desculpas baratas para non facer absolutamente nada", engadiu.
Se fora así, matiza Agís, as obras de mellora poderían comezar por Covelo -que en todo caso non estaría afectado pola EDAR-.
A situación é "alarmante" en Raxó, recorda o edil socialista, xa que se están a producir "afundimentos" na estrada e o muro está "combado", provocando que sexa un espazo "totalmente degradado" que necesita dunha actuación "urxente".
"Non hai maneira de que respecten o convenio asinado", sinalou o responsable de Urbanismo, que cre que dez anos de espera "é unha tomadura de pelo incrible".