Pontevedra encherase de actividade durante a celebración da Placemaking Week Europe, que acollerá esta cidade ao longo desta próxima semana, entre os días 27 e 30 de setembro.
Serán, en total, vinte e unha conferencias maxistrais sobre o futuro das cidades e máis de oitenta actividades paralelas, entre obradoiros, paneis de expertos, visitas, exposicións, concertos, iniciativas deportistas, intervencións artísticas ou presentación.
En diversos espazos da cidade, máis de setenta relatores de diferentes países debaterán sobre desenvolvemento urbano e transformación do espazo público.
A Placemaking Week Europe arrancará oficialmente a tarde do martes 27 de setembro co discurso de apertura do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no que contará a historia da transformación urbana da cidade.
Seguidamente, Minouche Besters, Nate Storring, Jennifer Jiang, Robyn Bennett, Peter Smith, Carmen Mays e Charles Landry guiarán ao público asistente a través de preguntas chave sobre como podemos crear xuntos, durante os próximos tres días, mellores urbes.
Cada un deles presentará o seu punto de vista sobre as cuestións máis urxentes que debemos abordar cando falamos do futuro das cidades. Os temas introducidos nesta sesión de apertura discutiranse logo en todas as conferencias do festival.
Todos os días desenvolveranse diversas actividades opcionais, lentas e divertidas pola mañá e eventos emocionantes e exploratorios pola tarde-noite, para que os participantes na Placemaking Week Europe aproveiten ao máximo a súa estancia na cidade.
O mércores abrirá con dúas conferencias no Teatro Principal centradas en como crear unha vida social boa e saudable nas cidades, cos exemplos de Pontevedra, La Haya, Helsingborg e Helsinki, e en como abordar a transición climática desde o espazo público.
O programa continuará con tres bloques de sesións de traballo nas diferentes sedes da Placemaking Week Europe, que son o Teatro Principal, a Casa das Campás, Santa Clara, o Museo de Pontevedra e a avenida de Santa María.
Dentro destas actividades, destacan un faladoiro sobre as empresas de Pontevedra que son un referente internacional en deseño urbano, a presentación do proxecto de recuperación do espazo urbano de Lugo ou talleres sobre o lecer activo e sobre o mercado inmobiliario.
Tras estas actividades paralelas, terán lugar dous relatorios máis, no que falarán expertos dedicados a mellorar as nosas cidades mediante a construción de ecosistemas empresariais equitativos ou ao uso do deseño para fomentar comunidades sas e comprometidas.
Edificios, normas e sistemas que debemos ter en conta para crear xuntos cidades mellores será o punto da xornada do xoves 29, na que tamén haberá unha sesión sobre o desenvolvemento urbano e a conciencia ambiental que deben despregar as cidades.
Xa pola tarde terán lugar outras dúas conferencias maxistrais sobre a creación de lugares transformadores a través do placemaking, cos casos de Tirana, Milán e París; e o papel dos diferentes actores na creación de cidades mellores, máis inclusivas e resilientes.
Igual que no día anterior, durante toda esta xornada terán lugar tres bloques de sesións, cada un dos cales ofrece varias opcións temáticas en diversos formatos.
Así, entre outros temas, abordarase como a arte pública poder ser un recurso para a recuperación de espazos degradados e A Coruña explicará o cambio que está a experimentar desde 2019 a cidade en mobilidade e xestión do espazo público.
RETOS LOCAIS
Na xornada de clausura, o venres día 30, as actividades de traballo centrarase nos retos locais fixados de cara a este congreso. Falarase do impacto do emprendemento creativo nas cidades como oportunidade para a creación de emprego, do papel da arquitectura contemporánea galega nos espazos públicos ou das conexións entre centro e periferia.
Xa pola tarde, os participantes poderán asistir a algunha das catro visitas de campo programadas, deseñadas para achegar solucións á recuperación de catro ámbitos da cidade, a enseada de Lourizán, Santa Clara, o barrio da Moureira ou a Xunqueira de Alba.
As últimas conferencias serán sobre descarbonización e a bioeconomía circular e sobre a perspectiva global do movemento placemaking e dos seus retos de futuro.
O acto de clausura, ás 20:30 horas, correrá a cargo de Miguel Anxo Fernández Lores e rematará cunha festa para celebrar as prazas públicas de Pontevedra.
O programa completo pode consultarse en https://placemaking-europe.eu.